A súa lingua é unha das riquezas máis grandes que ten un pobo. Onte Galicia volveu saír á rúa como cada 17 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas e para reivindicar o lugar que merece o seu idioma. Tamén a comarca dezana se uniu a esta loita con diversos actos. En Lalín a Asociación A Grela do Deza, xunto coa plataforma Queremos Galego, convocou ao mediodía unha concentración a prol da lingua galega. Este acto completouse cunha obra de teatro e no caso de Silleda e Rodeiro a música foi a aliada para recordar esta data.

Con carteis con frases como Eu amo o galego, eu éntroche en galego, que non che coma a lingua o gato, eu son orixinal falo en galego ou eu amo o ensino en galego, os dezanos concentráronse na carpa situada na Praza da Igrexa para reivindicar e defender o uso do galego. Aproveitouse a ocasión para facer un recorrido pola situación na que se atopa hoxe en día o seu uso, algo do que aínda queda moito camiño por andar, recordouse a figura de Antón Fraguas, a quen se lle dedicou este ano este día tan especial, e leron fragmentos da súa obra. Ariadna Fernández, que preside o colectivo A Grela, foi a encargada de ler o manifesto baixo o lema: Máis que nunca queremos galego. No mesmo abordouse a situación "crítica" da nosa lingua mais falouse de que a situación aínda pode mellorar se "se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos". Un dos grandes problemas é que o 22,7% das persoas de catro a 15 anos non saben falar galego, tal e como sinalan desde Queremos Galego "porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade". O manifesto rematou demandando liberdade, igualdade e xustiza para o galego porque "máis que nunca queremos galego en todas as comarcas, en todos os concellos e en todo e para todo". Tras rematar a lectura Ariadna Fernández animou a todos a facer todo en galego: amar, durmir, soñar, estudar, traballar, educar, medrar... "porque o galego é noso e nós temos a razón con el". Os actos das letras continuaron en Lalín pola tarde con espectáculo Procura-se Pepa a Loba, de A Cova das Letras.

Mentres en Silleda, celebrouse o IX Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda coa actuación de varias agrupacións e en Rodeiro o XII Festival das Letras Galegas co ritmo da coral polifónica da localidade. Hoxe, ás 19:00 horas na carpa da Praza da Igrexa de Lalín, será o III Serán das Letras Galegas.