A parroquia de San Pedro de Cumeiro, nas Cruces, celebrou festa esta fin de semana honrando a Santa Bárbara, con misa solemne e procesión a que seguiu sesión vermú a cargo do grupo Máster que tamén participou na verbena nocturna xunto á orquestra Cinema.

Non é esta da Santa Bárbara a festa principal desta parroquia, senón a do patrón San Pedro, que celebran xunto coas de San Roque e O Corpus a finais do mes de xuño, pero dase a circunstancia de que o pasado ano unha impresionante treboada provocou unha enchente coma ninguén lembraba na parroquia, que arrasou terras e estragou pontes e camiños na véspera das festas ao igual que nas veciñas de Insua e Duxame. Entón suspenderase a verbena na véspera do patrón e, quizais por iso, este ano os veciños recuperaron a festa honrando a Santa Bárbara, avogosa para escorrentar as tronadas. Non son as únicas festas que celebra a parroquia, xa que no ben acondicionado campo que rodea ao local social, que antano foi escola, fan aló polo mes agosto a Festa da Xuventude, que adican á Virxe de Lourdes.

Aproveitando a visita botamos un ollo á igrexa e o camposanto desta parroquia, á que pertencía a actual Vila de Cruces deica finais do século XVIII, cando a entón pequena aldea ao amparo da encrucillada dos camiños e a feira, se convertería en vila e capital municipal en prexuízo de Carbia, erguéndose alí unha capela-santuario adicada á Virxe dos Remedios, que logo sería igrexa parroquial. A igrexa de Cumeiro fora reconstruída en 1782, segundo reza unha inscrición da ábsida que tamén di que se fixo sendo crego Gregorio Francisco de Ponte e Monterroso a expensas dos seus pais patróns da parroquia e donos do Pazo de Altamira, unha antiga morada señorial con escudo e capela datada en 1774 e que agora esmorece non lonxe da igrexa. Do antigo templo, que debeu ser románico, só se conserva a pía bautismal. Tres retablos con algunhas imaxes de certo mérito de entre as que destacan as de San Roque, Santiago Apóstolo, Santa Bárbara -malia ter sido pintadas con brocha gorda- e a da Virxe do Carme, San Ramón e varias do patrón San Pedro.

No camposanto hai un cruceiro con imaxe de Cristo datado en 1906 e algunhas tumbas curiosas de entre as que chama a atención unha de primeiros do século XX cunha figura feminina imitando as laudas medievais.