Nunha das súas intervencións n Feira dos Carballiños de Vilatuxe, o contacontos Celso Fernández Sanmartín recomendoulles aos presentes que, unha vez ao ano, desconectaran do teléfono móbil, da tablet ou da televisión para revivir momentos que non quedan tan atrás no tempo, senón só unha xeración, e que lles permitirán á xente máis nova saber de ónde veñen. Con este alegato polo rural e polo contacto cara a cara e non a través do dobre check azul do whats app, Sanmartín definiu moi ben o que é esta recreación da antiga Feira dos Carballiños: unha recopilación da historia recente a través de coches e buses antigos, da simulación da trata de gando na que a labrega consegue vender unha vaca escoxada dun teto, do paseo das mozas, do teatro de Barriga Verde, dos contos do cego... E cómo non, da recreación histórica. Nesta ocasión, Vilatuxe súmase á polémica que espertou hai semanas unha sentenza xudicial que obriga a pechar un galiñeiro en Asturias porque os animais molestaban a uns inquilinos dun hotel rural. Así, o choque dun coche de emigrantes americanos contra un carro de vacas obriga a intervir á Garda Civil. O emigrante ata se estrana de que o carro circule sen permiso, e varias veciñas incluso teñen que sair en defensa dos donos do carro. Non foi a única intervención dos da Benemérita, empeñados en recuperar un maletín que pasaba de man en man de varios ladróns.

25

A Garda Civil arresta aos defensores do rural en Lalín

Quen si obtivo premio foron varios veciños que acudiron vestidos de época. O xurado que conformaban expertos do mundo da moda, unha xornalista e unha historiadora escolleu como gañadoras á nai e filla Yolanda Dobarro e Antía Dobarro. Levaron como premio un mantón galego. En segundo posto quedou Azucena Olvido Neira, ataviada como habanera. O terceiro foi compartido entre un grupo de emigrantes americanos (tres mulleres e un home) e Otilia Silva, que lucía zocos e delantal de liño. Os segundos e terceiros premiados levaron lotes de productos da tenda da asociación, así como unha comida no pulpeiro da feira. O tribunal tivo que escoller entre 18 candidatos, e para iso botou man de criterios como o peinado ou o material das vestimentas. A música non faltou tampouco durante toda a xornada, na que por momentos os termómetros se achegaron aos 30 graos. Houbo que atender a catro persoas que sufriron desmaios debido ao calor.