"Son unha persoa que sempre me rin moito e sempre tiven moita tristeza dentro". De inicio, a afirmación descoloca un pouco. Sen embargo, Baia Fernández non tarda en explicala narrando como foi quen de descubrir na risa unha terapia fantástica, que agora comparte cos demais como adestradora emocional. Coa súa faceta como escritora, esta cuntiense aborda a autoestima, o desapego ou o amor pola natureza no seu libro Laia, que esta tarde compartirá con tódolos interesados no MOME (19.30 horas) da Estrada, da man de Acrofam e Fesanpas.

-Que podemos atopar nas páxinas de Laia ?

- Laia fala principalmente do desapego, pero do desapego de saber deixar ir a persoas ou a cousas porque o seu destino é ese outro, non querer forzar a ninguén a camiñar ao meu lado porque eu me sinta mellor así. Aprender a aceptar que cada persoa ten o seu camiño, o seu destino; sentirte mesmo feliz de que nun momento se poida desviar ese camiño porque é para un ben para esa persoa. Fala da amizade e sobre todo tamén da autoestima. Porque, cando temos eses apegos que non son sans, o que hai detrás é unha falta de autoestima que tentamos suplir co acompañamento doutras persoas. Fala de redescubrirse, de buscar dentro dun, e tamén dunha conexión coa natureza. Eu penso que a natureza, simplemente polo feito de estar en contacto e de sentila presente, axúdanos a conectarnos con nós mesmos tamén.

-Falamos dunha viaxe cara un mesmo...

-Si. Trátase da aceptación. Moitas veces buscamos o noso lado positivo en función do que os demais opinan de nós. E iso é o que lle acontece a Laia, que se sinte especial polo que as outras personaxes ven nela. Entón ten que descubrir o que realmente a fai especial, que non é nin o que ve un nin o que ve outro. Trátase de onde e de que xeito descubrir que é o que nos fai especial a cada un de nós porque, ao final, cada un de nós somos especiais.

-Tratáse logo de que os nenos entendan que son especiais pero non polo que os demais pensen deles...

-Efectivamente. Ao final o que ven os demais é fantástico pero é simplemente a opinión dos demais. O que non podo é identificarme eu polo que os demais ven en min.

-E como se lles explica isto aos pequenos? A qué idades dirixe a mensaxe?

-A min cústame pórlle idades. Cando o escribín, ao que rematei, a min mesma axudoume moito. Ao principio non vía ningunha conexión comigo e, ao que foi pasando o tempo e a fun lendo unha vez e outra, dixen: 'pero se son eu rematada a personaxe do conto' . O que pasa é que non era capaz de velo.

-Laia resultou ser Baia?

-Non é que sexa eu. O que quero dicir é que todos levamos unha Laia dentro. Todos podemos vivir situacións que nos leven a experimentar o que experimenta Laia. Porque aínda que está ilustrada como unha nena, en realidade Laia non ten idade nin ten xénero. Das primeiras persoas que o leron foron dous homes de corenta e algo de anos e os dous se sentiron identificados con Laia. Despois ves a nenos dun ano que, ni sequera saben ler nin entenden aparentemente o que hai alí, simplemente pasan as páxinas e ven os debuxos, fascinados co conto. Neniños que están aprendendo a falar saben de memoria o conto que lle len seus pais. Personas maiores e que lles axudou moito. Sempre digo que é para todos os públicos. Aos rapaces que non tiveron esas experiencias dalles unha pista de como levalas e aos que xa vivimos esas situacións de "abandono" ou desapego axúdanos a reubicalas dentro de nós.

-Por que Laia é ten especial?

-Unha das cousas que a fai tan especial é que cando está en contacto coa natureza mimetízase con ela e o seu cabelo vai cambiando de cor. Ten outras moitas cousas especiais pero que hai que ler o conto para descubrilas (risas ).

-A historia xurdiu dun soño.

-Si. Eu soñei a estrutura principal do conto. Deiteime un día, lembro perfectamente a noite, pensando nun problema que tiña. Empecei a soñar con esta rapaza e sempre teño libretas para apuntar na mesiña. Escribín a historia sintetizada. Pasei unha semana pechada na casa centrada en darlle forma para que se convertira nun conto. Foi algo tan máxico que conseguín que Leandro Lamas empatizara comigo e mo ilustrara.

-E agora chegará ao teatro.

-Si. Laia xa dou un paso máis e xa está noutra dimensión. Xa está no teatro. Hai un espectáculo creado e estamos cos últimos ensaios. É un espectáculo de títeres e esta tarde darei a data e o lugar de estrea. É como unha proposta moi cercana, pensada para espazos pequenos.

- Ademais de escritora, é adestradora emocional. Traballa coa risa como ferramenta. Fáleme desa faceta.

-Eu son unha persoa que sempre me rin moito e sempre tiven moita tristeza dentro. Cheguei á conclusión de que sempre me rin moito porque me facía falta. A xente sempre me describe como unha persoa moi alegre, e pode que teñan razón, pero eu en realidade ríome moito porque necesito xestionar a tristeza que levo dentro. Iso a xente non ve. Hai uns cantos anos descubrín a terapia da risa. Foi algo que me chegou moi dentro e comecei a facer formación, primeiramente a través do ioga da risa, que traballa coa risa sen humor. Quedábaseme curto. Vía que había un traballo que ía máis alá e fixen moito traballo corporal, de coñecer onde están colocadas as emocións no corpo. Iso levoume a afondar máis. (...) Teño unha consulta onde fago de guía e acompañamento para que as persoas poidan descubrir como teñen colocadas as emocións, que a maioría das persoas as temos descolocadas e reaccionamos ante situacións e estímulos con emocións que non tocan nese momento e iso é o que nos leva a ter conflictos e desacougo. Tamén facemos, a través de talleres, o traballo de redescubrir a miña risa. Dar a coñecer a risa como unha ferramenta sanadora. A risa entendémola como algo social pero é o primeiro xeito de comunicación que ten o ser humano. Non pode ir sempre acompañada de humor. É un método que ten o corpo para regularse a nivel hormonal. Axúdanos a elevar as defensas de xeito automático. Damos a coñecer que a risa é algo máis que algo social e lúdico e redescubrir a risa interior, a que non vén provocada por ningún estímulo externo.

-A que nos axuda esa risa?

-É un tema bidireccional: cando me sinto ben ríome cando me rió síntome ben. Pero ademais o cerebro non diferencia entre unha risa espontánea e unha risa exercitada. Entón se traballo a risa con boa vontade vou provocar os mesmos efectos que se me rira de algo que me fixera moita gracia. Beneficios hai moitísimos: elevalas defensas de xeito automático; reducir os niveis das hormonas do estrés, que son as causantes dun montón de enfermidades; aliva tensións musculares; alivia dores de cabeza; mellora cardiopatías; aumenta a capacidade pulmonar e mellora a osixenación das células; provoca un cansanzo moi agradable e queima calorías. Moitas. (Risas). É unha técnica fantástica, moi desoñecida e, polo tanto, moi desprestixiada.