Este ano celebramos o 95º aniversario da posta en funcionamento, polo científico Ramón María Aller Ulloa, do que se considera o terceiro e actual observatorio de Lalín. Tamén se cumpre o 75º aniversario do traslado dos aparellos astronómicos do observatorio de Lalín ao da Universidade de Santiago de Compostela que leva o seu nome.

O día 31 de agosto de 1924, Don Ramón empezou a anotar en varios cadernos de cúpula o asentamento dos seus aparellos no recén inaugurado observatorio de Lalín. Tamén ese mesmo día anotaba os fenómenos observados e así continuaría facendo todo tipo de anotacións ata o 14 de abril de 1944, en que levou tódolos instrumentos astronómicos para o observatorio da Universidade de Santiago, onde el exercía de director dende o 27 de setembro de 1943, así como de profesor das asinaturas de Xeometría Analítica e de Análise Matemático (desde novembro de 1939). Por tanto, este ano tamén se cumpre o seu octoxésimo aniversario como profesor da USC.

Cando nos referimos a que o terceiro observatorio foi inaugurado no 1924, é porque as primeiras observacións as fixo dende as galerías da casa. O segundo observatorio constaba de dúas torres de planta cadrada feitas entre 1912 e 1917. No ano 1923, as dúas edificacións foron derribadas para construír o actual observatorio grazas a unha herdanza recibida como usufrutuario dos bens do seu tío paterno, Saturnino Aller Rodríguez.

Cada ano os lalinenses poderíamos celebrar unha morea de acontecementos relacionados co astrónomo e matemático, que deu a coñecer o nome de Lalín por todo o mundo. Tanto é así que foi un dos científicos galegos máis destacados na primeira metade do século pasado. Está considerado o introdutor do estudo das estrelas dobres en España.

Aniversarios sen celebrar

Non quería deixar pasar esta oportunidade que me brinda FARO DE VIGO para facer mención de que no ano pasado (2018) non se celebraron debidamente, tanto por parte das institucións como pola nosa propia, varias efemérides: o centenario da súa primeira publicación, Algoritmia. Principios fundamentales de la ciencia de los números, e do artigo Determinación de las coordenadas aparentes de un astro con el teodolito o con el sextante; o 75º aniversario da segunda publicación, Introducción a la Astronomía; e o 70º da terceira, Astronomía a simple vista.

Temos constancia de que o primeiro libro editado, foi escrito con anterioridade ao ano 1916, porque cando finou seu pai, en maio de ese ano, D. Ramón escribíalle ao seu tío Saturnino e comentáballe que estaba baixo de ánimos: "Aún no tengo bien tentado los nervios para estudios Matemáticos, así que dedico poco tiempo a la corrección de mis cuartillas, y el resto del que puedo dedicar al trabajo, lo empleo en redactar una Memoria sobre un instrumento y método que a mi se me ocurre podía instalarse en la Coruña, en el futuro Observatorio".

Sería en decembro de 1918 cando o manual de matemáticas saíu do prelo cunha tirada de mil exemplares. Temos a sorte de contar coa factura pagada polo seu protector, o tío Saturnino Aller Rodríguez, e grazas a ela podemos saber, incluso, a distribución dos exemplares enviados e o destinatario dos mesmos.

Tamén o pasado ano cumpríanse 75 anos do seu nomeamento como director do Observatorio de Santiago de Compostela que levaría o seu nome. Este acto foi celebrado grazas o empeño do profesor Docobo Durántez por poñer en valor a data do seu nomeamento, organizando para ese evento as XVII Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste e reeditando as obras Algoritmia e Astronomía a ollo ceibe por parte da Xunta de Galicia.

Este ano 2019 estanse a celebrar varios acontecementos importantes na vida do astrónomo e matemático Aller Ulloa. Un deles é o traslado dos instrumentos científicos do primeiro observatorio particular de Galicia, do que o mesmo D. Ramón fixera os planos. Sacara tanto proveito dos seus "xoguetes astronómicos" que os directores doutros observatorios de España e Portugal estaban convencidos de que en Lalín traballaban varias persoas, ao que el contestaba con humildade: "O persoal redúcese á unidade". Estas crenzas eran debidas á cantidade de produción científica que deu a coñecer a través dos seus artigos e dos seus libros. Este tipo de afirmacións atopámolas tamén nunha carta remitida polo padre Aller no ano 1932 ao profesor Filgueira Valverde, onde se desculpaba por non contestarlle ás súas cartas e peticións e fálalle do seu traballo en solitario como astrónomo e científico: "Esta ocupación no sólo da que hacer de noche sino también por el día, puesto que si no, se reducen muchas observaciones, se acumula después un trabajo imposible para un establecimiento cuyo personal se reduce a uno".

No mes de abril do ano 1944, aproveitando a Semana Santa (7, 9 e 10) fixo o embalaxe dos instrumentos e dos libros, contando para este traballo co material que lle subministrou a carpintería de Benito Trabazo Porral (7 varas de madeiras para embalar, 23 puntas de piso) e a man de obra para facer as caixas. Toda esta operación tivo un custe total de 541 pesetas. Foi levado ao observatorio da Universidade de Santiago o día 14 de abril. Tamén contou coa colaboración de Armando Fróiz, que despois sería o mozo do observatorio compostelán ata a súa xubilación.

Tamén se está cumprindo o centenario de dous artigos publicados en revistas científicas en 1919. Trátase de Un instrumento para el método estereoscopio del señor Comas Solá e Conjuntos y números finitos, indefinidos y transfinitos, publicado en dúas partes.

Proxección internacional

A Unión Internacional de Astronomía (IAU en inglés), celebra ao longo de todo este ano 2019 o seu centenario co lema Baixo un Ceo e, tendo en conta que Aller Ulloa foi o primeiro galego que pertenceu a esa prestixiosa institución, os lalinenses sentímonos orgullosos de que formara parte dese elenco de científicos que contribuíron a poñer en valor a astronomía para a educación, o desenvolvemteno e a divulgación da mesma.

O científico Aller Ulloa aportou as súas investigacións feitas con medios precarios dende os observatorios de Lalín e Santiago, e foinas dando a coñecer a través dos artigos editados nas principais revistas científicas de Europa, América e de España ( L'Astronomie, Astronomische Nachrichten, Revista de la Sociedad Astronómica de España y América, Revista Matemática Hispano-Americana, Ibérica, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos...) e tamén a través da publicación dos tres libros, que xa mencionamos, sobre matemáticas e astronomía.

No ano 1948 foi nomeado membro da Comisión 26 (Estrelas Dobres) e o 31 de marzo de 1949, por orde da presidencia do goberno, é nomeado vocal da Comisión Nacional de Astronomía (CAN), por pertencer á Unión Astronómica Internacional da Comisión 26. Por tanto, tamén podemos celebrar ese 70º aniversario da súa pertenza á CAN. E tamén queremos rememorar que fai os mesmos anos fora nomeado catedrático extraordinario de Astronomía da USC.

Celebraremos a finais de este ano o 80 aniversario como profesor da Universidade de Santiago de Compostela (empezou o 11 de novembro de 1939, data extraída dunha carta que enviou D. Ramón ao bispo de Lugo para pedirlle permiso por uns días, mentres non encontraban outro profesor). Quedaría como docente e director do observatorio da Universidade de Santiago ata o 15 de decembro de 1962, en que cae enfermo e volta para a casa de Lalín, onde é coidado polas súas irmáns ata o 28 de marzo de 1966, en que falece. Malia isto os que foran seus discípulos nunca deixaron que pedira a baixa como director do Observatorio. A súa morte sume aos seus familiares, amigos, o pobo de Lalín e Galicia enteira nunha profunda tristeza, sendo o seu enterro unha mostra máis de cariño e admiración.

Obras inéditas

Sobre o publicado polo padre Aller foron moitos os discípulos que divulgaron a súa obra, agora agardamos que se vaian poñendo en valor as obras inéditas que fomos atopando ao longo de catro anos, nos arquivos de toda a xeografía española. Débese citar unha obra inédita e manuscrita que é unha verdadeira xoia e titúlase Apuntes para un curso de Astronomía, consta de 598 páxinas e está firmada en Lalín no ano 1907. Este texto é, sen dúbida algunha, o precursor de Introducción a la Astronomía, publicado en 1943 e do que sabemos que escribiu varias versións antes de editar a última. En 1930 rematou de escribir outra versión do mesmo libro, que lle regalaría á súa discípula e compañeira do Observatorio, Antonia Ferrín Moreiras, e que en 1980 foi publicado en edición facsimilar.

De que buscásemos este caderno Apuntes para un curso de Astronomía, como así figuraba no arquivo da Biblioteca do Observatorio de San Fernando, tivo a culpa o amigo Antonio Vidal Neira, ao que quero agradecer a súa colaboración e axuda en todo o que se refire á investigación levada a cabo sobre o científico Aller.

Por último, e para non caer pesados co legado do padre Aller, deixar constancia de que hai 110 anos rematou outro caderno inédito de 86 páxinas, que foi a primeira aproximación ao que logo sería o libro titulado Algoritmia, publicado nove anos despois e que recolle boa parte dos conceptos aquí adiantados.