-En agosto houbo un cambio de directiva, está vostede como presidente e ¿quen máis a conforma?

-A vicepresidenta é Denís Varela Cornado, a secretaria Elena Pereiras Villamaior, a tesoureira é María José Fernández Rodríguez e despois hai varios vogais. E somos todos xente nova, xa que a máis maior ten 30 anos.

-Como leva o de coller o relevo de Josefa Ferreiro?

-Ao principio foi moi agobiante porque aínda que estaba alí ela para axudarche, eres ti o que tes que te enfrontar agora a todo. Agora tes que facer un montón de cousas, que antes como as facía ela, non lle dabas o valor que teñen. Pero neste momento xa se leva bastante ben.

-Leva moito tempo en Fortín da Pomba?

-Levo desde os 3 anos, polo tanto, 17 anos e coma min a maioría, case todos os que estamos agora xa bailabamos de pequenos. E para min o grupo é unha parte da miña vida e non me planteo deixalo.

-Cantos alumnos ten a agrupación?

-Somos 40 repartidos en catro grupos de baile oficiais e despois, están as pandereteiras e o grupo da escola de pandereteiras e o grupo de gaitas, o instrumental.

-Considera que a música tradicional está valorada?

-Está ganando impulso. Agora hai moita máis xente que ten coñecementos dela, xa non é un tema tabú como cando era pequeno que se rían porque ía a baile, agora está sendo moito máis aceptada. Hai moita máis xente que vai ás foliadas, ás ruadas, que quere aprender a tocar instrumentos e a bailar... E no tema institucional, nós en Silleda temos moitísima sorte porque o Concello apóianos en todo, pero por fóra, noutros lugares non teñen esa sorte.