A parroquia silledense de Abades vestiuse onte de gala para celebrar a súa 33 edición da Romaría da Rosquilla, que está marcada pola música e pola entrega de premios e a tradicional poxa dos bolos de rosquillas. Como de costume, fixéronse entrega de tres premios ás rosquillas máis saborosas e houbo outro recoñecemento ao bolo máis orixinal. A festa está organizada pola Asociación Veciñal de A Costa. O xurado desta volta estivo composto por Enrique Estévez Domínguez, María José Gómez Seoane e Cristina Quinteiro Suárez.

O primeiro posto foi para o bolo doado pola Pastelería Dulce Deza que fixo entrega do galardón o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e que foi puxado por 95 euros;o segundo, para o da Asociación Avema de Manduas, que o encargado de entregar o premio foi Valentín García, veciño de Abades e secretario xeral de Política Lingüística e que alcanzou un prezo de 60 euros e o terceiro, para o da Casa de Taboada de Campomarzo que fixo entrega Celsa Reboredo como representante da organización da festa e que foi adquirido por 40 euros. O recoñecemento pola súa orixinalidade foi para o da Casa do Coto de Abades que recibiu a distinción por parte de José María Ezequiel Ferrer, autor do libro Santuario da Nosa Señora dos Desamparados. Era un moneco que representaba un fogueteiro e foi mercado por 65 euros.Nesta categoría concorreron outros tres bolos: un en forma de paraugas, outro que era unha maceta cunha planta e o terceiro, un trofeo. Na poxa contouse cun total de 28 bolos, a mesma cifra que a edición pasada, e estas creacións foron doadas tanto por veciños como por asociacións. E tal e como indica Encarna Mejuto,que forma parte da organización da festa, na poxa recadaron 1.300 euros e nas ventas ao redor duns 1.500 euros.

Como en toda xornada festiva a música non puido faltar. O ritmo empezou a marcalo pola mañá o grupo de Acordeóns da Escola Municipal de música de Silleda, que volveu tocar ao mediodía. Tamén, tivo lugar a misa coa súa tradicional ofrenda e con procesión e estivo cantada polo Coro Vales Mahía da Bandeira. A agrupación de música tradicional Ghazafellos completou a programación musical xunto á Charanga Ardores, que colleu o relevo pola tarde, nunha xornada dominical onde o bo tempo foi un gran aliado e fixo que se acercasen moitos visitantes. Ademais, como en toda festa a gastronomía tamén foi un ingrediente clave, xa que se celebrou unha comida a que asistiu un centenar de persoas e os máis pequenos puideron desfrutar dunha colchoneta inchable gratuíta durante toda a xornada.