Hoxe día 13, véspera do 88 aniversario da proclamación da II República, o colectivo Capitán Gosende inaugurará no Campo das Laudas -Lugar da Memoria- (As Raposeiras-Meilide-Cerdedo), a cuarta lauda en lembranza e honra de Xosé Torres Paz. O cerdedense Torres Paz, carpinteiro de profesión, foi presidente local do PSOE, oficial do concello e concelleiro republicano. Integrante do "Comité de Emerxencia" que, en xullo de 1936, se significou en Cerdedo na defensa da legalidade republicana, referendada nas urnas cinco meses antes (febreiro de 1936). Os conspiradores contra a República (de ideario fascista) acabarían perpetrando un golpe de Estado (17 e 18 de xullo de 1936). O fracaso da rebelión franquista deparou unha crudelísima Guerra Civil. Derrotadas as forzas leais á República, España viuse abocada ao padecemento dunha ditadura de case corenta anos.

Cando Xosé Torres Paz se decatou de que a resistencia era en van, decidiu agocharse, canda outros compañeiros (entre eles Francisco Varela Garrido "Pancho"), no monte do Seixo (cova do Outeiro das Aveas). Nunha das súas fugaces visitas ao fogar, foi delatado por un veciño falanxista, detido e conducido ao cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Á noitiña do 11 de agosto de 1936, membros da chamada Guardia Cívica, canda falanxistas de Cerdedo, conduciron a Xosé Torres Paz, a Xosé Cortizo González (veciño de Barro de Arén e militante socialista) e Manuel Garrido "o Negro" (veciño de Fondós-Quireza, militante socialista) a un punto fatídico da estrada Pontevedra-Compostela (á altura do lugar de Alba). Alí foron asasinados e os seus corpos abandonados nunha gabia da estrada. Deron por morto a Manuel Garrido, mais, prodixiosamente, deu sobrevivido ao transo (dende aquelas sería coñecido polo alcume "o Resucitado").

Para o acto do vindeiro sábado, estaba prevista a asistencia de Peregrina Torres, filla do homenaxeado, mais, por desgraza, Peregrina faleceu a madrugada do pasado domingo (31 de marzo). Os membros de Capitán Gosende queremos transmitirlle a familia as nosas máis sinceras condolencias. Debe consolarnos o feito de que a señora Peregrina abandonou este mundo sabendo que, 83 anos despois, a memoria do seu pai ía ser obxecto de reparación. Asisitirán ao acto os fillos e netos da finada.

A inauguración da lauda comezará a iso das 12:00 horas no dito lugar do Campo das Laudas. A lauda de Xosé Torres Paz (oficial do concello; asasinado) fincarase a carón das tres que a precederon: a de Xosé Otero Espasandín (mestre e poeta; exiliado), Antonio Sueiro Cadavide (alcalde republicano de Cerdedo; esquecido) e Francisco Varela Garrido (secretario do concello, fusilado). O conxunto escultórico estase facendo realidade grazas ao apoio desinteresado dos membros e simpatizantes de Capitán Gosende e, xaora, grazas á xenerosidade e mestría do escultor Marcos Escudero. O proxecto non se beneficia de subvención pública ningunha e é, polas súas características, unha iniciativa única en Galicia.