Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O refraneiro, contra a parede

Antonio González Abal e Lucía Ares colgarán o 4 de maio nun solar da rúa María Colmeiro un mural con 200 ditos populares

Lucía Ares amosa dous azulexos do futuro mural. // Bernabé/Javier Lalín

Xa non fará falta ir a google ou á aplicación de Refraneiro Galego para ter sempre a man unha desas frases da sabedoría popular que lograron sobrevivir pasando de xeración a xeración. A partir do 4 de maio, abondará con visitar o solar da rúa María Colmeiro, onda o colexio María Inmaculada, para ver recollidos máis de 200 refráns nun muro de seis metros de lonxitude.

A idea é da parella que conforman Antonio González Abal e Lucía Ares, pais doutras iniciativas como a recreación do cine Victoria, a baseada no poema Carta a un fillo de Rudyard Kipling ou, tamén na rúa Colmeiro, outro mural en favor dos refuxiados. Dende a semana pasada, quen queira pode enviarlles un refrán xa sexa a través dos perfís das redes sociais destes dous artistas, por correo electrónico, por whats app ou, incluso, "deixándonolo nun sobre na casa, porque algúns xa nos chegaron así", explica Lucía Ares. Xa case teñen 70 ditos populares recollidos, e a intención é acadar os 200. "Están chegándonos refráns moi simpáticos e que dan pé a discusión", polas diversas interpretacións que ofrecen. O prazo para aportar refráns e a colaboración económica para levar a cabo este mural (8 euros por persoa) remata o 28 deste mes.

Os refráns irán colocados en azulexos especiais para exteriores, que á súa vez se van montar en catro paneis de madeira, tratada tamén para soportar o paso dos anos e as inclemencias do tempo. Ares calcula que cada panel pode soportar uns 20 azulexos, entre os que locen os refraneiros e os que se colocarán alternos, con motivos celtas, para facer o conxunto moito máis dinámico e fácil de ler.

É un mural para visitar a pé, nada de ir en coche. E será necesario tamén pasar por onda el varias veces, para poder ler todos os refráns con tranquilidade. "Penso que vai ser moi divertido, porque moitos dos que están colaborando connosco dinnos que eran ditos das súas nais ou das súas aboas", comenta Ares. A inauguración será o 4 de maio, ás 19.00 horas, e está aberta a toda a cidadanía. Non cabe dúbida de que este mural, como todos os anteriores, vai servir de fondo para máis dun selfi de veciños e turistas.

Compartir el artículo

stats