Dúas aulas da escola da Latiza levan o nome dos seus mestres Teresa Sánchez e Julio Lois, quen foi homenaxeado onte pola asociación veciñal Emecla. A súa presidenta, Inés Carballo, fixo unha ampla semblanza de quen impartira clase durante dezanove anos na parroquia, nun acto no que tamén interviu o doutor, historiador e arqueólogo José Carro Otero. Asistiron o alcalde de Rodeiro, Luis López, e varios concelleiros do goberno e da oposición, así como familiares e exalumnos de Julio Lois e representantes da ANPA do CPI.

Julio Lois Meijomil nace en 1911 en Agrosagro (Carboentes), onde recibe o primeiro ensino, para estudar logo latín e humanidades no Seminario Menor de Lugo e completar a súa formación na Escuela Normal de Pontevedra, apuntou Inés Carballo. En 1933 supera os cursos selectivos para entrar de mestre no ensino público e realiza as prácticas no Viso (Redondela). O seu primeiro destino é a escola da casa-fortaleza de San Xoán de Camba.

Na súa condición de mestre republicano, é represaliado e suspéndeno de emprego e soldo durante trece meses. Este castigo non pasa desapercibido na prensa da época, que recolle a noticia do cese a modo de "exemplaridade", relata Carballo. Pola necesidade de recuperar a normalidade, é restablecido no corpo pero trasládano de Camba a Fózara (Ponteareas) ata 1946 e logo a Sabadelle (Chantada). Anos máis tarde, por concurso de traslados, instálase definitivamente na Latiza, onde presta servizos durante 19 anos, ata a sua xubilación. A construción da actual escola débese a el, pois foi quen lla solicitou ao gobernador civil de Pontevedra, Rafael Fernández Martínez, amigo persoal e fillo de Domingo Fernández, profesor seu na Normal.

Unha das débedas contraídas, non xa por Álceme, senón por todo o territorio de Camba, con Lois Meijomil ten que ver coa súa gran paixón: A arqueoloxía. En 1967 participa no programa Misión Rescate, de RTVE, que tiña por obxecto recuperar o patrimonio arqueolóxico español e tomaba como soporte a propia poboación local, sobre todo, escolares.

Paixón pola arqueoloxía

En verbas de Carballo: "Acompañado por alumnos e exalumnos, buscan, localizan, rescatan e estudan materiais arqueolóxicos. Así nacería a colección que gardaba nesa aula, á que chamaría A Mámoa. Ao pouco tempo de empezala, xa superaba as cen pezas, entre armas antigas, utensilios de fogar, ferramentas, libros, tégulas romanas, cistas, muíños, sarcófagos.. Algunhas destas pezas foron parar ao Museo de Pontevedra e outras, tristemente, acabaron sendo bebedeiros para o gando. Nunca dicía a procedencia, por medo a que xente sen escrúpulos efectuase rebúsquedas e fixese perigar os xacementos".

Lois colabora con distinguidas personalidades. Unha é Alfredo García Alén, secretario do Museo de Pontevedra, quen, en 1972, dirixiu as escavacións da Vila Romana de Porta de Arcos, en Fafián, visitada en varias ocasións polo mestre, indicaba Inés Carballo, que ilustraba a súa exposición con numerosas fotografías. En 1979 recibe na Mámoa a visita do investigador Luis Monteagudo, que vén estudar a machada de tope de dúas asas, presumiblemente atopada no castro de Casardixo (O Salto). Monteagudo, Alén e Lois publican un artigo sobre isto na revista El Museo de Pontevedra. Tamén se relaciona, entre outros intelectuais, con Filgueira Valverde, Antón Fraguas ou Fernando Acuña Castroviejo.

"Os seus coñecementos foron fundamentais para elaborar a Carta Arqueolóxica do Concello de Rodeiro -prosegue-. Coñecía moi ben os xacementos, pois era home de relacionarse coa xente e todos lle daban información; ademais, afeccionado á caza e á pesca, tiña pateado toda a xeografía, non só de Rodeiro, senón de zonas doutros concellos colindantes". Esta carta quedaría completada no ano 1986 por Xulio Carballo e Penedo Romero, publicada tamén polo Museo de Pontevedra.

Na década dos 70 desempeña o cargo de xuiz de paz e tenta participar en política, como cabeza de lista de UCD nas eleccións municipais de 1979. Un ano máis tarde, falece na súa casa da Latiza e os seus restos foron inhumados no cemiterio de Álceme. Inés Carballo rematou a alocución cunha frase que o mestre repetía a alumnos e pais: "Hai que estudar, porque o que tes na cabeza é o único que ninguén che pode embargar".