Estuda primeiro de Bacharelato de Humanidades no instituto Marco do Camballón e seguramente se decante por formarse na universidade en Filoloxía Hispánica. Ana Lucía Pampín non puido matricularse na materia de Regueifa e improvisación en verso que s eimpart no centro e de xeito pioneiro en toda Galicia, porque empezou a impartirse cando ela xa estaba nun curso superior. E tampoco vai a clases de teatro. En realidade, non precisa ningún tipo de ensinanza para aprender a desenvolverse en público. E isto quedou demostrado a pasada fin de semana, na fase clasificatoria do Parlamento Xove.

O seu equipo acudía por primeira vez ao certame e obtivo o 16º posto. O grupo non puido entrar na final, porque só acceden os oito primeiros, pero Ana Lucía Pampín converteuse na mellor oradora dos 92 alumnos que participan nesta edición. "Non agardaba este premio e estou moi ilusionada", afirma. Durante a fase clasificatoria, ela encargábase de facer a introducción da postura do seu grupo a favor ou en contra de unificar as políticas de acollida das persoas refuxiadas nos países da UE. A moza dispoñía de cinco minutos, mentres os seus compañeiros se encargaban, conforme avanzaba o debate e tamén con tempo límite, de replicar as argumentacións dos contricantes e, por último. de presentar unha conclusión.

Pampín participou no Parlamento Xove con Iván Fernández López, Noa Pichel Costa (que non puido intervir na fase clasificatoria pero si colaboraou en toda a preparación previa na aula), Erika Mato Sánchez e Carla Sánchez Montoto. "Quizais nos custou máis argumentar en contra, porque nun principio nos centráramos máis na postura a favor. E hai que pensar que tiñamos que refutar as argumentacións do equipo contrario e claro, as réplicas dependen moito dos argumentos dos que bote man ese equipo rival".

Os cinco mozos estiveron preparando o debate durante uns dous meses, dende que se coñeceu o tema a analizar. Estiveron guiados pola profesora Araceli Costoya Taboada, que imparte a asignatura de Debate e, no caso de Ana Lucía Pampín e a súa outra compañeira de Bacharelato, tamén a de Literatura Universal. "Para min, participar no Parlamento Xove foi unha experiencia para aprender cómo desenvolverme para falar en público", aínda que recoñece que non adoita a poñerse nerviosa cando tén que intervir diante dun grupo de xente. Quizais axuda que toca dende hai tempo na Banda Artística de Merza. "Ao mellor, quizais na primeira intervención estiven un pouco nerviosa, pero no resto da sesión non", afirma. Non descarta volver participar no Parlamento Xove o ano que vén, si chega a conformarse un grupo. O que polo momento non lle atrae é facer carreira política-