20 de marzo de 2019
20.03.2019

A destrución da necrópole do Marco do Feal

Dúas das catro mámoas do cemiterio neolítico de Quireza foron arrasadas

20.03.2019 | 01:58

O pasado domingo, membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos até as inmediacións do vértice interparroquial de Quireza (Cerdedo) e Codeseda-Sabucedo (A Estrada) co obxectivo de localizar a necrópole megalítica do Marco do Feal e dar testemuño do seu estado de conservación.

A denominación Marco do Feal foi a escolleita por Patrimonio para a catalogación deste xacemento (ano 2001). Segundo a web "Información xeográfica de Galicia" (mapas.xunta.gal), a intersección dos devanditos lindes parroquiais situaríase a uns 240 metros, ao noroeste, do centro do conxunto tumulario. Coidamos que, de aínda existir o "marco" (cecais, pedrafita), fincaríase alí onde cadrar esta tripla e inmemorial estrema. "Feal" é fitotopónimo, abundancial de feo (lat. foenum): terreo onde medra ou se sementa o feo (herbáceas forraxeiras).

O cemiterio neolítico do Marco do Feal componse de, cando menos, seis mámoas. Catro localízanse en territorio de Quireza (Cerdedo), ao sur, e dúas en terra de Codeseda (A Estrada), ao norte. A liña divisoria riscase polo medio do antigo chan funerario. Dúas pistas forestais escolleron a chá tumularia para converxer.

Como xa dixemos, o xacemento cerdedense foi catalogado por Patrimonio coa denominación "Marco do Feal". Do outro lado da raia, a escasos metros, o xacemento estradense foi catalogado coa denominación "A Espiñeira", segundo consta nos planos de localización dos xacementos arqueolóxicos do PXOM estradense (folla S1-50). O PXOM da Estrada sitúaas na parroquia de Sabucedo, pero estar, están en Codeseda. As coordenadas xeográficas rexistradas no PXOM están erradas.

No tocante ás mámoas da banda de Cerdedo, enumeramos e engadimos coordenadas certas: Mámoa 1 do Marco do Feal (coordenadas.- X: 546.469; Y: 4.715.533; alt. 583 m - código: GA36011047). Mámoa 2 (X: 546.527; Y: 4.715.539; alt. 584 m - código: GA36011048). Mámoa 3 (X: 546.528; Y: 4.715.534; alt. 586 m - código: GA36011049). Mámoa 4 (X: 546.534; Y: 4.715.557-código: GA36011050).

No tocante ás mámoas da banda de Codeseda, enumeramos e engadimos coordenadas certas: Mámoa 1 da Espiñeira (X: 546.565; Y: 4.715.611; alt. 587 m-código: GA36017155). Mámoa 2 (X: 546.515; Y: 4.715.565; alt. 584 m-código: GA36017156).

Na nosa excursión fomos quen de atopar tres das catro mámoas do lado de Quireza e, a maiores, as dúas mámoas do lado de Codeseda. Moi ao noso pesar, constatamos que dous túmulos do conxunto de Cerdedo foran arrasados.

A descrición do estado de conservación que de cada unha das catro mámoas cerdedenses fixeran os técnicos de Patrimonio en 2001 xa evidenciaba a desfeita: "xacemento gravemente alterado por causas agrícolas e/ou forestais".

Dezaoito anos despois, os de Capitán Gosende informamos que na necrópole megalítica do Marco do Feal (uns 6.000 anos de antigüidade), a Mámoa 3 (GA36011049) e a Mámoa 4 (GA36011050) foron total ou parcialmente destruídas. As coordenadas consignadas para a Mámoa 3 leváronnos ao sitio certo, mais, sobre o terreo, foi imposíbel a súa identificación.

A Mámoa 1 do Marco do Feal ten uns 17 metros de diámetro e un cráter de violación duns 4'50 metros de diámetro. O túmulo está cuberto de herbáceas e algún piñeiro. A Mámoa 2 posúe un diámetro de 17 metris e un cráter de 5. O túmulo está cuberto de matogueira. A Mámoa 3 non foi factíbel localizala. No sitio, a maquinaria forestal (repoboación de piñeiros) abriu grandes regos, achandando, ben seguro, o montículo da sepultura. Numerosos cachotes de granito e seixo branco e pardo, pertencentes á coiraza do megálito, espallánse pola zona. A Mámoa 4 foi devastada coa apertura dunha pista forestal de 7 metros de ancho. Enriba dos vestixios do túmulo medra un eucalipto, triste metáfora do país.

Provoca carraxe comprobar como no mapa do PXOM cerdedense (plano nº 0-3-2), a Mámoa 4 figura en solo clasificado de "protección do patrimonio" e, ao mesmo tempo, no medio e medio dunha pista forestal que a levou por diante. A mesma protección velaba pola Mámoa 3. De que serviu?

A pista forestal que arrasou a Mámoa 4 do Marco do Feal tamén afectou á Mámoa 2 da Espiñeira. A Mámoa 2 da Espiñeira ten uns 15 metros de diámetro e un cráter de violación duns 2'50 metros de diámetro. O túmulo está cuberto de herbáceas e matogueira. Ortostatos visíbeis. A Mámoa 1 da Espiñeira, á marxe dun camiño tradicional, posúe 17 metros de diámetro e un cráter de 5 m. A superficie do túmulo foi rozada hai pouco. Enriba xa lle medran bos carballos.

A necrópole Marco do Feal-A Espiñeira vincúlase con outros tres túmulos rexistrados á beira do citado camiño tradicional que, dende a encrucillada de pistas que secciona o cemiterio prehistórico, vai confluír, 1.700 metros na dirección nordés, coa estrada PO-7102, a pouco máis dun quilómetro da aldea de Sabucedo (códigos: GA36017154, GA36017153 e GA36017152).

As mámoas, mamoelas, mamoíñas, modias, medoñas, minas, moutas, medorras... e a cámara mortuoria que agochan (anta, arca, campa, casota, forno, gurita, pedramoura...) son coma botellas de pedra que, dunha beira á outra do tempo proceloso, aboian unha mensaxe dos antepasados. Temos a obriga de gardar a integridade do recipiente á espera de que mans expertas poidan tirarlle a rolla e nos desvelen, por fin, o seu misterio.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


Especial Navidad 2019

En estas fiestas, sobran los motivos para brindar con elaboraciones de Galicia, que despiden el año con un gran balance en todos los sentidos