Da construción da nova igrexa de Lalín adicada á Nosa Señora das Dores, patroa da parroquia, da cumprida conta o cronista dezao Francisco Vilariño (1838-1926), nun folletín que, co título Lalín a través de los siglos, semblanza histórico-descriptiva. El pasado y la actualidad de la fiesta de San José, saíu do prelo da imprenta El Eco Franciscano de Santiago en 1919. Logo duns apuntamentos históricos con realidades e fantasías acerca da historia da comarca dezá, Vilariño refire como o casarío de A Torre se converte en pequena vila e, para o servizo do culto católico no ano 1876, o entón alcalde Antonio Taboada, co apoio da veciñanza, levou a termo a construción dunha capela que faría as veces de igrexa nunha céntrica praza na que trinta anos antes fora arrasada deica os cimentos unha fortaleza solar dos Deza. A capela adicada á Virxe das Dores estaba rodeada de pendellos da feira, entón moi sonada, que se celebraba os días 3 e 18 de cada mes.

No arranxo parroquial da Diócese de Lugo de 1890 creábase a parroquia de Santa María das Dores, ao tempo que se suprimían as de San Martiño de Lalín e San Cristovo da Pena, ás que pertencían deica entón as terras que formaban a nova parroquia, e Donramiro pasaba a ser anexo da de Lalín, sendo o seu primeiro párroco Antonio Seixas. Na capela das Dores que facía de igrexa provisional naquelas anos, iniciábase o culto ao Sagrado Corazón en 1887, festexábase a San Xosé e, a primeiros do século XX, comezaban tamén a celebrarse as procesións de Semana Santa para as que se mercaran as imaxes precisas para os pasos realizadas por imaxineiros santiagueses. Anos máis tarde, coa apertura da rúa que levaría o nome do Matemático Rodríguez e o monumento ao aviador Loriga en 1933, a capela sería demolida e dela só quedan o recordo grazas ás fotos que lle fixo o sabio lalinense Ramón Mª Aller.

Logo de dez anos de culto, a capela da Torre xa se facía escasa para albergar ao crecente numero de fieis da pequena vila, que aumentaba o seu censo con xentes que viñan para establecer negocios e despachos profesionais e de oficios e tamén bo número de funcionarios para os organismos públicos e pequenos obradoiros que se instalaban na vila, precisando man de obra que chegaba das parroquias deste e outros municipios veciños. Por iso, en 1888, o entón alcalde Benito A. Calviño solicitou a axuda dos veciños, encargándose un proxecto ao arquitecto diocesano Nemesio Cobreros para construír o que sería un dos máis suntuosos templos da Diócese de Lugo. O lugar do emprazamento sería un cotarelo a pé da antiga calzada a medio camiño entre o Mosteiro de Lalín de Arriba e a torre medieval dos Deza e o investimento andaba polas 65.000 pesetas.

As obras darían comezo na primavera de 1903, sendo párroco Antonio Neira Sanjurjo, que falecería a finais dese mesmo ano, encargándose da execución das mesmas o contratista lalinense José Miguélez Gil. Por mediación do deputado da zona Ángel Elduayen, obtívose unha achega do Estado, de xeito que os veciños só terían que adquirir os terreos precisos, pero " intrigas políticas siempre deplorables y funestas motivaron la suspensión hasta 1915, en que se encargó de la parroquia el activo e infatigable párroco D. José María López Castro, y recabando la cooperación de altos y bajos, emprendió con arrestos y ardor dignos de loa los trabajos necesarios para darle digno remate, quedando al poco tiempo en disposición de su apertura al culto público", segundo refire o cronista Vilariño no seu folleto. López Castro estaría á fronte da parroquia lalinense deica o seu falecemento en 1955, sendo o seu sucesor Victoriano Sucasas, que permanecería un longo período, deica finais do século XX, ao que sucederían Manuel Salgado e Marcos Torres, na actualidade.

Dese xeito o 19 de marzo de 1919 coincidindo coa celebración da festividade de San Xosé que daquela tiña sonada festa en Lalín, procedeuse á solemne e multitudinaria inauguración da nova igrexa. A xornada de neve e frío non impediu unha impresionante asistencia de fieis aos actos relixiosos programados que presidiu o bispo da Manuel Basulto Jiménez, que veu acompañado de diversas autoridades eclesiásticas entre as que se atopaba o cóengo e expárroco de Lalín entre 1905 e 1914, Ventura Cañizares Rey,que aparte do seu estimado labor pastoral nestas terras -tendo como un dos seus coadxutores a Ramón Mª Aller- publicara interesantes estudios históricos referidos á comarca de Deza.

Na capela da Torre comezaron os actos relixiosos daquela histórica xornada cunha misa presidida polo Bispo que foi cantada por un coro formado por mozas lalinenses. Predicou un sermón alusivo a esta xornada o párroco de Bendoiro, Gregorio Saavedra Ascarí, que foi moi aplaudido. Daban garda de honor ao Sacramento as forzas da Benemérita con traxe de gala e, despois da bendición Papal a cargo do Bispo, organizouse a procesión con cruz alzada, estandartes das distintas asociación, gremios e confrarías de Deza, a custodia no seu templete levada por varios sacerdotes, a Virxe das Dores portada por media ducia de veciños da vila e de seguido as autoridades eclesiásticas, civís co alcalde Antonio Crespo Pampín ao fronte, militares e a banda de música.

A procesión percorreu as rúas da vila ateigadas de público contándose máis de mil almas, segundo a crónica de Vilariño: " no se recuerda acontecimiento tan grandioso en los anales de la historia de este pueblo. Los pueblos de Silleda, Carbia, Golada, Rodeiro y Dozón, han querido sumarse a esta noble manifestación entusiasta del progreso y el avance moral y material de la capital de su partido, y al efecto acordaron con generoso estimulo que les honra, adherirse a este movimiento impulsivo y dinámico de los intereses comarcanos, ofreciendo por cuenta propia costear una campana dea amplio radio para colocar en la torre de la nueva iglesia de Lalín".

A procesión remataría na nova igrexa que estaba engalanada e iluminada ao efecto, destacando no altar maior a imaxe do Sagrado Corazón que fora encargada polo cura Ramón M ª Aller e que, ao igual ca da Virxe das Dores, patroa da nova parroquia, era obra do artista compostelán José Rivas Rodríguez.

A finais dos anos cincuenta, sendo párroco Victoriano Sucasas, acometeuse unha importante reforma na igrexa ampliándose dúas naves laterais que deica entón formaban cruz latina coa principal, supoñendo un investimento de 600.000 pesetas, que foron aportadas polos fregueses. Tres anos despois, tamén por subscrición popular rematábase a torre, que correu a cargo do contratista e escultor local Vidal Payo, por un importe de 225.000 pesetas, segundo recolle o investigador lalinense Antonio Vidal nun amplo traballo sobre a igrexa de Lalín publicado no seu blog Historiadeza, que, xunto co de Francisco Vilariño e documentación propia, serviron para a elaboración deste artigo.

(Imaxes do libro 'Lalín, cen anos en fotos' e da nosa autoría)