Onte tivo lugar no centro residencia A Coruña, en Culleredo, a fase clasificatoria do certame de debate Parlamento Xove para estudantes de Bacharelato. Nesta décima edición participaban tres institutos do Deza: O Laxeiro, o Pintor Colmeiro e mailo Marco do Camballón. Os dous primeiros gañaron dous dos tres debates, e o cruceño, un de tres. O xurado puntuaba cuestións como a expresión oral e xestual, a argumentación ou a pertinencia das preguntas. Só podían pasar oito centros para a final que será en maio no Parlamento, en Santiago. E os centros dezaos quedaron ás portas: o grupo do Pintor Colmeiro obtivo o noveno lugar, con 388 puntos, mentres que o Laxeiro quedou no 11º, con 386, e o Marco do Camballón no 16º, con 350. A excelente avaliación que acadaron os tres centros animan aos integrantes dos equipos a volver presentarse o ano que vén. Na xornada de onte, o tema de debate era se os países da UE debían unificar as política de acollida de persoas refuxiadas. Nos vindeiros días darase a coñecer o tema da final. Houbo tempo, entre debate e debate, de sacar unha foto coa directora xeral de Xuventude, a lalinense Cristina Pichel.