A nova campaña de excavación do Castro de Doade comezará o 13 de maio e contará cunha equipa internacional integrada por arqueólogos e estudantes do Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que unha vez máis realizarán as prácticas finais do mesmo neste castro, e tamén estudantes estranxeiros, atraídos polo interese que suscita o xacemento dentro de comunidade científica.

Constará de varias fases: unha primeira de escavación de tres novas sondaxes, unha no antecastro para a localización dun posible terceiro foxo, detectado polo xeorradar, outra na zona oeste da muralla, para localizar a entrada orixinal ao recinto castrexo, e unha terceira na zona habitacional, lindeira coa parte do poboado xa descuberta e consolidada, coa finalidade de ampliala.

A segunda fase será na consolidación das estruturas habitacionais descubertas na zona de escavación en área do poboado castrexo da coroa do castro, a protección e tapado das catas do antecastro e da muralla, así como a restauración, limpeza, siglado, estudo e catalogación dos restos arqueolóxicos mobles, que pasarán a engrosar o relevante contido das vitrinas da sala de arqueoloxía do Museo Etnográfico Casa do Patrón, monotemática deste xacemento.

Levarase a cabo unha terceira fase, que consisitirá na valorización e promoción turística do castro e a súa contorna, mediante paneis turísticos informativos; visitas ás escavacións guiadas polos propios arqueólogos, durante a súa execución e posteriormente ás estruturas localizadas, que permanecerán visitables todo o ano, de xeito gratuíto; deseño e maquetación dunha Unidade Didáctica de Arqueoloxía, que se utilizará como soporte teórico das visitas; deseño, maquetación e posta en marcha dunha moderna páxina web específica do Castro de Doade e da súa contorna, que conterá amplia información sobre o castro, a réplica da casa castrexa, os obradoiros e a sala de arqueoloxía do museo, a ruta homologada de sendeirismo do Castro de Doade (PR-G210); e, cara a finais de ano, un congreso de arqueoloxía de dúas xornadas, que culminará coa presentación do libro científico O Castro de Doade: unha fortificación da Idade do Ferro, no corazón do Deza.