O colorido do Entroido deixouse ver onte de novo en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Os Xenerais da Ulla desprazáronse onte ata a parroquia cruceña de Salgueiros, que é precisamente onde se baixa o telón carnavalesco na comarca dezana.

Os veciños desafiaron á choiva e decidiron colocar unha carpa no campo da festa para desfrutar do seu festexo, que acercou a moitos visitantes, coma de costume. Sobre as 16:30 horas arrancou cun desfile por parte dos Xenerais, dos Mouros, de xente disfrazada da parroquia e tampouco faltou o Vello dos Cornos. Coa chegada ao campo da festa tivo lugar o Alto dos Xenerais, no que se deu unha volta pola política nacional e europea, algo moi habitual. Despois, deuse paso ao discurso do alcalde no que se falou de todas as actuacións levadas a cabo polo Concello de Vila de Cruces na aldea. Así mencionouse o asfaltado de pistas, do campo da festa... e tampouco faltou un tema moi propio da cultura galega, as disputas entre leiras e marcos.

Os Mouros foron os encargados de abordar os asuntos ocorridos a longo deste ano na parroquia, que sacaron algunhas que outras risas. De seguido, tivo lugar unha obra de teatro na que se escenificou unha Primeira Comuñón con nenos, con curas e con frades. Tamén nesta ocasión, se recuperou o Canto dos Cegos con novas sorpresas con respecto ao ano pasado. Neste caso, representouse toda a polémica ocorrida pola petición da exhumación de Francisco Franco. O xeneral estivo presente en Salgueiros con ataúde incluído. Antes de ser a quenda do Frade, como novidade tivo lugar una procesión, onde se puido ver unha virxe, representada por unha moza disfrazada, algo que chamou a atención porque non se agardaba. E o que era algo do máis desexado foi o toreo da vaquilla, onde un grupo de cinco ou seis persoas disfrazadas torean un exemplar de menos dun ano de vida. A xornada, que estivo amenizada por música, acabou co sorteo de 200 euros.

Xa en Cerdedo-Cotobade, grupos parroquiais e comparsas marcaron o Entroido Antonio Fraguas, baseado na recuperación dos disfraces tradicionais en base aos estudos etnográficos efectuados polo Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade que este ano é o persoeiro protagonista das Letras Galegas.

A iniciativa puxo a nota máis enxebre na tradicional celebración do Domingo de Piñata de Cerdedo-Cotobade, celebrado onte pola tarde no pavillón de Carballedo. Asistiron centos de persoas, segundo confirmou o presidente municipal Jorge Cubela, que non dubidou en calificar a iniciativa de "gran éxito". Tamén houbo concursos de disfraces, inchables, actuacións musicais e degustación de postres propios do Entroido: orellas, vinchas e chulas.