O Concello de Cerdedo-Cotobade fusionou hoxe a celebración do seu tradicional Domingo de Piñata co Entroido Antonio Fraguas, co gallo de render tributo ao seu Fillo Predilecto, ao que este ano se lle adica a programación anual das Letras Galegas.

Ata oito parroquias se involucraron nesta iniciativa, traballando arreo durante semanas para evocar o labor de Fraguas en torno aos disfraces tradicionais e ás costumes da festa do Entroido recollidas polo autor nos seus traballos etnográficos sobre dita celebración.

Veciños de Carballedo, Valongo, Almofrei, Caroi, Borela, Rebordelo e Vilanova, ademais de integrantes das escolas deportivas, implicáronse nas últimas semanas en obradoiros de confección de disfraces e de carrozas tomando como modelo as tradición populares recopiladas por Fraguas.

"Cremos que un bo xeito de seguir coas homenaxes municipais a Antonio Fraguas no marco das Letras Galegas é apostar por iniciativas novidosas e que ademais acheguen a este gran persoeiro a todos os veciños. Por iso, queremos que Fraguas e as nosas parroquias sexan os protagonistas desta festa", dixera o venres o presidente municipal, Jorge Cubela. E así foi. O resultado do laborioso proceso de confección de disfraces e carrozadas inspirado na recuperación das tradición recollidas polo escritor cotobadés no seu libro Do Entroido. Sorprendeu para ben ao numeroso público que se deu cita en Carballedo para disfrutar da programación do Domingo de Piñata. Grupos como Os Couláns de Vilanova, Madamiñas de Valongo, Peliqueiros de Caroi, Misión Fraguas 2019 e A Matanza do Porco de Antonio Fraguas destacaron pola súa orixinalidade.

Grazas a eles e a moitos outros participantes -incluindo ao numeroso público- o Domingo de Piñata celebrado por Cerdedo-Cotobade en Carballedo por un "gran éxito", segundo afirmou Cubela.

O Entroido Antonio Fraguas puxo a nota distintiva a un domingo de Piñata que tamén contou cun concurso de disfraces con catro categorías en concurso, dotadas con premios como unha tablet, un equipo de música, unha televisión e 150 euros.

Tamén houbo inchables e touro mecánico ademais de animación musical e sorteo dunha televisión entre os asistentes. O servizo de bar do evento correu a cargo da Asocaición de Nais e Pais (ANPA) do colexio San Xoán Bautista de Cerdedo. E, para acabar de completar a xornada, como vén sendo característico en Cerdedo-Cotobade, a celebración do Entroido concluiu cunha degustación gratuíta de postres típicos do Entroido, como a característica "vincha", chulas e orellas, nas instalación do comedor escolar do CEIP de Carballedo.