Os tres institutos públicos da Estrada e os galegos en Madrid -dos que forma parte o escritor estradense Manuel Pereira- quixeron conmemorar o Día de Rosalía con actividades que loitan por converterse en clásicas.

Así, onte, por segundo ano consecutivo alumnos e profesorado do do IES Número 1, do IES Manuel García Barros e do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada celebrárono de xeito conxunto cun acto poético e musical na honra da escritora máis representativa das Letras Galegas. Despois de que o ano pasado o encontro tivera lugar nas instalacións do Losada Diéguez, onte foi o IES Número 1 o que exerceu de anfitrión. Os tres centros educativos acudiron ao evento -denominado "Rosalía Canta" - con diversas propostas que consistiron, basicamente, na interpretación de diversos poemas, combinando o recitado con diferentes propostas musicais.

Pola súa banda, o IES Número 1 aportou o recitado de "Alborada" de Cantares Gallegos con acompañamento de música tradicional. O ES Antón Losada Diéguez elixiu "Era tempo de inverno" de Follas Novas, interpretado polo coro de segundo de ESO. E, polo Manuel García Barros, o alumnado do Bacharelato Musical interpretou diversas pezas de música contemporánea para acompañar ao recitado dos poemas "Tal como as nubes" e "A xustiza pola man" de Follas Novas.

Tamén escritores afincados en Madrid vinulados á tertulia que empezou hai anos no Café Comercial -como o estradense Manuel Pereira e Vicente Araguas- xunto con outros galegos en Madrid (parte deles vencellados ao mundo da universidade) quixeron honrar a Rosalía. Para iso, foron ata o número 13 da rúa Ballesta, para recordar á poetisa diante da casa na que viviu e na que dúas placas así o atestiguan. Vicente Araguas falou da etapa de Rosalía en Madrid, recordando que chegara de Galicia no ano 1856 e da casa de Ballesta ante a que tivo lugar o acto saiu o 10 de outubro de 1858 para o seu casamento con Manuel Murguía na igrexa de San Ildefonso. Ata aí, despois de que Manuel Pereira lera manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), se desprazaron para tomar a clásica foto de grupo, quedando emprazados para volver a conmemorar o Día de Rosalía o vindeiro ano.