O xurado estivo composto polo alcalde, Rafael Cuíña; os concelleiros Nicolás González Casares (Urbanismo), Miguel Medela (Rural) e Francisco Vilariño (Obras); os arquitectos Martín Cerreda (municipal) e Luís Fernández (independente); o experto medioambiental Antonio Presas; e o artista Armindo Salgueiro. Cada membro outorgou a súa puntuación a cada candidatura tendo en conta factores como a conservación urbanística e arquitectónica, a integración na paisaxe e o coidado dos valores naturais, sen esquecer a actividade sociocultural e o proxecto de actuacións. Nas súas deliberacións, quixeron facer explícito o seu recoñecemento ao "elevado nivel" do conxunto das candidaturas presentadas, poñendo de relevo que "en todas se apreciaron compoñentes moi interesantes, que tamén serían merecedores deste galardón". Neste sentido, apreciou nas candidaturas iniciativas de recuperación que "merecen ser tidas en conta para avanzar na posta en valor e recuperación do rural".

15.000 euros

Aldea Singular está dotada cun único premio de 15.000 euros para investir en actuacións que redunden beneficiosamente ao conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. A entrega do galardón terá lugar nos actos da LI Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o 24 de febreiro.