O XXI Mes do Cocido de Lalín chegou onte ao seu remate cunhas cifras de asistencia espectaculares. Todos os restaurantes consultados por esta Redacción coincidiron en suliñar o gran número de clientes que se achegaron a Lalín dende o pasado día 15 de xaneiro, festividade de San Amaro. A ocupación dos comedores foi de prácticamente o cen por cen, sobre todo nas fins de semana, que é cando máis xente de fora da bisbarra dezá degusta en Lalín o seu plato sobranceiro. O evento ten tanto tirón que, como pasa no caso de Casa Currás, as reservas chegan ata o vindeiro mes de abril. En canto á clientela que predomina por Lalín, os restauradores do concello tamén fan fincapé en distinguir entre os que degustan un cocido pola semana, na súa maioría en comidas de traballo ou empresa, e os que veñen ata Lalín de distintos puntos de Galicia, e mesmo do resto de España e de Portugal, para comer un bo cocido na compaña de familiares e amigos. Na Molinera, por exemplo, mesmo chegaron a rexeitar reservas por estar cheos, mentres que no Cabanas recoñecían onte estar ao cen por cen tanto Mes do Cocido como de agora en adiante. Tamén no restaurante Pontiñas contaron as fins de semana por cheos absolutos nos seus salóns. O éxito desta iniciativa terá continuidade nas vindeiras semanas con máis reservas.