A cuarta edición da Distinción Aldea Singular de Lalín xa ten gañadora: a proposta presentada pola parroquia de Doade vén de facerse co galardón que instaurou o Concello para recoñecer a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna arquitectónica e natural, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural ou de integración veciñal. A candidatura presentada por esta parroquia foi a proposta que finalmente acadou a puntuación máis alta entre as tres que este ano concorreron ao certame (Xaxán e Donsión eran as outras dúas). Doade súmase así a Soutolongo, Zobra e A Xesta, parroquias condecoradas con esta distinción nos anos anteriores.