O goberno estradense ten sobre a mesa distintos orzamentos vencellados á apertura do pretendido comedor para alumnos de Secundaria nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. O alcalde, José López Campos, asegurou que operarios municipais xa realizaron arranxos no recinto e que quedarían agora pendentes accións en materia de fontanería e electricidade. Indicou asimesmo o primeiro edil que o Concello contratou os traballos de pladur.

López sinalou que os orzamentos serán agora estudados con técnicos municipais e o Concello tentará coñecer coa Federación Estradense de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fesanpas) a "demanda real" deste servizo, sen descartar que se poda poñer en marcha antes de que remate o presente ano académico.

En todo caso, López recoñeceu o interese da propia fundación por acondicionar esta zona de comedor para os distintos eventos que se organizan no recinto feiral estradense ao longo do ano.