13 de febrero de 2019
13.02.2019
In memoriam // andrés antonio rodríguez rodríguez

Andrés dos Arcos, un referente da hostalería

13.02.2019 | 02:20
Andrés (dereita), co seu irmán Pepe, cando rexentaban Os Arcos. // Bernabé/Luismy

Chéganos a noticia por varios medios do pasamento do estimado amigo Andrés Antonio Rodríguez Rodríguez, coñecido en Lalín e na contorna por Andrés dos Arcos, por ser o fundador e rexer durante case corenta anos -xunto cos seus irmáns Roberto e Pepe- o acreditado Mesón Restaurante Os Arcos de Lalín. Aos seus 71 anos, semellaba capaz de superar unha longa enfermidade, pero o destino non quixo que gozara por máis tempo da ben merecida xubilación que acadara vai para catro anos.

Nado ao igual ca os seus irmáns na parroquia de Noceda, ben novos marcharon para Inglaterra onde residían os seus pais, que naquel país atoparan traballo e prosperidade. Con pouco máis de trinta anos ás costas, os tres irmáns Rodríguez retornaron a Lalín e cos aforros que acadaran co seu traballo na emigración, mercaron un baixo no que instalaron o referido negocio de hostalaría, que co andar do tempo sería un referente na restauración lalinense e mesmo a súa sona traspasaba as fronteiras da comarca dezá.

Andrés, que se encargaba do mostrador, destacou sempre pola súa amabilidade e excelente trato que igualaba aos máis podentes economicamente cos menos favorecidos, aos novos cos máis vellos e aos da vila cos da aldea, e os clientes eran amigos. Quizais aprendera o bo trato para cos clientes naquela inesquecible taberna do Belelle da Cacharela, onde, cando cativo, ficou algún tempo de pousada. Andrés sempre foi espléndido dentro e fóra do negocio: os viños e petiscos que poñía, superaban con moito en cantidade aos doutros establecementos e non desmerecían na calidade, e aínda convidaba a coitío nos negocios da competencia a clientes e amigos.

O Restaurante Mesón Os Arcos era dos máis recoñecidos en Lalín e comarca e moitos celebraban aquí banquetes familiares, de amigos e de negocios. Pechou en pleno éxito de público a finais de agosto do 2015, e na despedida os clientes enchiamos aquel acolledor e típico local que presidía unha talla de Presas do Espiño e colgaba cadros de Laxeiro, Sucasas, Lamazares e Nicolás, entre outros.

No maxín de moitos quedará para sempre a lembranza de Andrés dos Arcos, co seu sorriso e cordialidade dentro e fóra da barra, e agora que foi chamado por Deus, acompañamos á súa dona Lupe e á súa prezada familia no seu pesar, ao igual que moitos amigos e veciños que tiveron a sorte de coñecer e tratar a este lalinense exemplar.

(Os restos mortais de Andrés Antonio Rodríguez Rodríguez partirán hoxe ás 17:00 horas do tanatorio de Jesús Taboada e Hijos cara a igrexa parroquial de Lalín, onde terá lugar o funeral, previo ao enterro no cemiterio de Moneixas).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia