Mañá, luns, póñense á venda as entradas para participar no cocido solidario que se celebra o 24 de febreiro no marco dos actos oficiais da festa gastronómica. Os pases dispensaranse ata o día 18 no concello, no Pazo de Bendoiro e na Asociación de Empresarios de Deza (AED). Terán un prezo de 38 euros, dos que 5 irán asignados a modo de doazón solidaria a beneficio de Carabelo. Así mesmo, poderanse adquirir as entradas a través do ingreso directo dos 38 euros na conta bancaria ES96 0081 5564 4000 0130 6239. Tamén se habilitará unha fila cero para que as persoas que queiran realizar unha achega sen asistir ao ágape poidan facelo.

Carabelo é unha organización sen ánimo de lucro formada por voluntarios que naceu ao abeiro da Asociación O Mencer e que ten como obxectivo principal apoiar a integración de familias e menores en risco de vulnerabilidade social. Valentina Díaz é a presidenta deste colectivo que actualmente traballa con máis de 60 usuarios. Entre as súas actividades, destacan clases de apoio a escolares, merendas con alimentos adaptados á relixión de cada un ou revisións médicas, bucodentais e sesións sobre os coidados e a hixiene persoal.