Activista do político, o social e o íntimo, a banda estradense de rock galego Nao acudiu o sábado a Cambados como cabeza de cartel da segunda edición do Treboada Fest. Ainda que viña de facer doblete o día anterior en Melide -actuando pola tarde no instituto dentro da actividade Eu presumo de galego organizada polo equipo de Normalización Lingüística do centro e, xa pola noite, nun concerto no pub Gatos- como de costume, Nao deixouse a pel no escenario. A voz de Pablo Carracedo "Jasper" soou forte nun directo sólido, acorde coa mensaxe dos seus textos, que se debaten entre o social, o político e o humano. E alí, Nao -que acudía como referente de Treboada, un grupo de hardcore e metal formado por rapaces moi novos que consideran aos integrantes de Nao "o máximo" e constitúen unha das poucas bandas galegas que versionan o repertorio da banda estradense- puido constatar que ten relevo na súa loita pola lingua.

Sorprendeulle gratamente a "gran calidade" e a "profesionalidade" dos organizadores do Treboada Fest, que veñen de cumprir a maioría de idade. Jasper quixo subliñar a calidade do sonido e do local no que tivo lugar o festival ademáis do gran nivel demostrado por grupos formados por rapaces moi novos que esta fin de semana demostraron que "veñen aprendidos", que "hai relevo". "Despois de 14 anos" de duro traballo por "valorizar" a música en galego, ver a "actitude enriba do escenario" destes rapaces deixou aos curtidos músicos de Nao "supersatisfeitos" e "emocionados" ao constatar que pagou a pena o esforzo realizado estes anos porque deixaron sementado o terreo e agora "comezou a agromar futuro" na música para a lingua galega.

Botando a vista atrás, Jasper -modesto- asegura que "nós non eramos con esa idade tan bos como o son eles". Por iso, apunta, se seguen traballando arreo como intúe que o seguirán facendo cando teñan 25 anos "serán unha pasada".

Bos vimbios hai para iso. Só falar da orixe de Treboada así o garante. Esta banda está formada por mozos que se coñeceron no Conservatorio de Cambados, os institutos Ramón Cabanillas e Francisco Asorey ou as bandas de Castrelo e a Municipal de Ribadumia e que, tras comezar a tocar xuntos fai tan só hai dous anos, en 2018 celebraron o seu primeiro aniversario cun festival ao que invitaron a outras dúas bandas emerxentes (Particle de Pontevedra e TNT de Vilagarcía).

Superándose, este ano duplicaron noites consagradas á música rock de alta voltaxe e grupos convidados. A primeira noite, tras bandas emerxentes como Flava Bowl e Particle tocaron Amenaza de Muerte (que está na final dun concurso estatal para grupos de metal e xa tocou dúas veces no Resurrection Fest de Viveiro) e o tamén grupo estradense de rock Os John Deeres, como nomes consagrados.

O sábado, tras TNT e Dislexia actuaron Nao e o grupo anfitrión, Treboada. Jasper promete non perder de vista a estes novos grupos, aos que lles augura un brillante futuro, durante e despois da xira de despedida de Nao. Quédanlle por diante moitos dobletes de fin de semana na súa última xira antes da súa disolución. Así ocorrerá a vindeira fin de semana. Dará cadanseu concerto nas míticas salas La Fábrica de Chocolate de Vigo e Café Cultural Auriense de Ourense, o venres e o sábado, respectivamente. No horizonte albíscanse outros moitos concertos por puntos de Galicia como Pontevedra, Sarria e Viveiro. En todos eles a formación seguirá deixándose a pel nunha depedida por todo o alto do seu derradeiro disco, "Ata que o lume se apague".