Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Isabel Boullón Agrelo: "Os apelidos máis típicos de Lalín adoitan ser Negro, Branco, Ferreiro ou Coego"

"No século VIII estaba de moda en Galicia poñer nomes de orixe xermánica, que logo derivaron en topónimos e patronímicos"

Ana Isabel Boullón, onte, durante a súa ponencia no instituto Laxeiro. // Bernabé/Javier Lalín

O salón de actos do instituto Laxeiro de Lalín acolleu onte unha conferencia de Ana Isabel Boullón Agrelo, especialista en onomástica e autora de diversas publicacións que analizan a evolución dos apelidos galegos. A ponencia desta filóloga versou sobre ¿Por que nos apelidamos así os galegos?.

-¿En que época histórica comezaron a empregarse os apelidos?

-En toda a Península Ibérica empezaron a ser frecuentes durante a Idade Media. Son, sobre todo, apelidos patronímicos, é dicir, os que rematan en -ez e derivan dun nome. Estes son os máis antigos. Despois virían os toponímicos [derivan do lugar de residencia da persoa ou da zona onde tiña propiedades] e dos sobrenomes ou alcumes, como Branco, Rubio, Vermello... son adxectivos que fan referencia á persoa. Hai, tamén, os apelidos referidos á profesión. A evolución dos apelidos dáse ata o século XIX, cando se crea a Lei de Rexistro Civil, de maneira que a partir de entón xa non hai apelidos novos.

-Moitos dos apelidos galegos foron castelanizados. ¿Cal é o proceso para volver ter no DNI e demais documentos a forma axeitada?

-A partir do século XVI os apelidos de orixe galega sufriron un proceso de castelanización salvaxe, que afectou ao 15% dos apelidos. Non son moitos en número e forma, pero eran os máis frecuentes. Así pasou con Martíns, que derivou en Martínez; con Souto, pasando a ser Soto, ou cos rematados en -óns, pasando a -ones, como o caso de Allóns. Igual ocurriu cos Mosqueira, pasando a rematar en -era. E todos os apelidos que levan iota sufriron tamén unha castelanización. Para revertir esta situacion, o proceso é máis sinxelo desde o ano 2011 e pódese pedir no rexistro civil. Ademais, en 2016 a Real Academia Galega publicou unha especie de guía, Os apelidos galegos, orientacións para a súa galeguización. Nela figuran 1.500 apelidos coa súa forma estándar en galego e a forma castelanizada. Desta maneira, alguén que desexe ver se o seu apelido foi castelanizado e quere devolverlle a forma galega, xa non precisa un informe da RAG para facer a solicitude, posto que esa guía xa serve de informe. Eu sempre aconsello que, se alguén quere ter a forma correcta do seu apelido en galego, faga os trámites canto antes, porque co paso do tempo un vai acumulando máis documentos referidos por exemplo a propiedades, e desa maneira os cambios en todos os papeis van sendo maiores.

-Segundo un estudo que publicaron o Instituto da Lingua Galega e mais o Consello da Cultura Galega, en Galicia hai 21.100 apelidos que contan cun único portador. ¿Que se pode facer para evitar que determinados apelidos entren en perigo de extinción, como pode ser o caso de Manselle ou Sanfíns?

-O ideal é que a persoa cambie a orde dos apelidos, algo que aínda é bastante infrecuente aquí en Galicia. Hai un informe de Xustiza que sinala que en Galicia só houbo un 2% de cambio na orde dos apelidos para que o da nai figurase antes [dende o 30 de xuño de 2017 deixou de ter preferencia en España o primeiro apelido do pai á hora de inscribir un recén nado]. Imaxino que esta escasa repercusión pode deberse á falta de información sobre a posibilidade de cambiar a orde dos apelidos. E quero engadir qus isto non tén maiores problemas, posto que dito cambio vai quedar recollido no rexistro civil.

-¿A invasión da lingua castelá sobre a galega chegou ao extremo de afectarlles tamén aos apelidos dos descendentes da xente que emigrou?

-Pois ocorreu xusto o contrario. A día de hoxe, en Latinoamérica conservánse formas galegas que aquí xa se perderon. Pasa, por exemplo, co apelido Gontabe, que é de orixe xermánica. Na Arxentina non estaban tan tolos, por así dicilo, co tema da castelanización, e este apelido aínda se conserva.

-¿Un apelido de orixe xermánica en Galicia?

-Si, son frecuentes en terras galegas porque entre os séculos VIII e X estivo de moda aquí poñer nomes xermánicos. Eses nomes, que procedían de persoas galegas, derivaron despois en topónimos e logo en apelidos.

-¿Poderiamos pensar, entón, que coa moda dos últimos anos de poñer nomes en inglés aos recén nados nun futuro teremos apelidos de orixe inglesa?

-Non, iso non vai pasar porque os apelidos xa están fixados desde o século XIX.

-¿Que porcentaxe de apelidos son, realmente, de orixe galega?

-Pois podemos dicir que todos salvo o 15%, ese 15% que foi castelanizado. Temos, tamén apelidos bascos e cataláns, pero a súa porcentaxe é mínima. E quero engadir que apelidos tan comúns como Rodríguez, Fernández ou González son de orixe galega, aínda que coincidan coa forma castelá. Temos que pensar que os dous idiomas veñen da mesma raíz latina, e poden ter a mesma evolución en determinadas palabras.

-Falando xa en clave máis local, ¿cales serían os apelidos máis comúns, máis tipicos, de Lalín?

-Aquí son moi comúns os que fan refernecia á persoa, como Negro. É un apelido moi extendido por este municipio. Da mesma maneira, tamén hai moitas familias que levan o apelido Branco, outro exemplo de cómo os alcumes derivaron en apelidos. En Lalín, igual que noutras partes de Europa, o apelido Ferreiro é moi común entre os que derivan dunha profesión. E tamén teño que dicir que Coego é outro apelido característico desta zona, e refírese ao "canónico" castelán, outra profesión.

-¿Son frecuentes en Lallín e na comarca dezá os apelidos que fan alusión á natureza?

-Sobre todo os que teñen que ver coa toponimia. Nestas terras de Deza, igual que ocorre a nivel xeral en Galicia, abondan os portadores do apelido Castro, que fai referencia a este tipo de asentamentos.

Compartir el artículo

stats