08 de enero de 2019
08.01.2019

O 'Cocido', en directo para o mundo

A feira será retransmitida vía 'streaming' polo Concello de Lalín a través de 'Youtube' e das redes sociais - Terá o formato dun programa televisión, incluídas conexións cun reporteiro

08.01.2019 | 02:22
O desfile de carrozas e comparsas será un dos platos fortes da retransmisión. // Bernabé

A LI Feira do Cocido de Lalín vai ser retransmitida integramente e en directo vía streaming co obxectivo de que as diferentes actividades do evento poidan ser seguidas en tempo real en calquera parte do mundo e a través de calquera dispositivo. Será unha das principais novidades da presente edición, apunta o edil de Turismo, Francisco Vilariño.

Un dos obxectivos principais é o de darlle á Feira do Cocido a maior difusión posible adaptándoa ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías da comunicación e, deste xeito, conseguir que o alcance do evento "traspase a nivel audiovisual as nosas fronteiras e teña carácter mundial", subliña o edil. Esta emisión tamén lle permitirá contar ao Concello de Lalín cun documento audiovisual "de enorme calidade sobre nosa festa máis sobranceira", que permanecerá para a posteridade e que poderá ser utilizado no futuro. Outras das utilidades do streaming radica en que lles permitirá aos propios lalinenses que ese día teñen traballo nas súas casas e non poden saír, seguir todos os actos da feria dende o seu fogar.

O Concello de Lalín realizará unha aposta moi destacada por esta proposta comunicativa, tendo en conta o papel fundamental que xogan hoxendía as redes sociais e demais plataformas en internet na difusión de contidos e eventos de todo tipo. Deste modo, realizarase unha retransmisión en directo a través dunha montaxe en formato televisivo que poderá ser vista por milleiros de persoas en todo o mundo e coa que, tal como indica Vilariño, "conseguiremos darlle á festa gastronómica máis importante do país un empurrón importante no plano promocional". Aínda que pronto se coñecerán máis novidades sobre esta proposta, o proxecto consistirá na realización e emisión dun programa de corte televisivo de contidos en directo da Feira do Cocido 2019 para a súa emisión en streaming nas diferentes canles do concello ( Youtube, redes sociais), así como en pantallas que se colocarán especialmente para a ocasión en zonas estratéxicas da vila.

Os contidos da Feira aos que se lle vai dar cobertura inclúen os actos de entrega da distinción Aldea Singular de Lalín, o pregón e a cobertura do desfile de carrozas e comparsas. Así mesmo, para darlle un formato totalmente televisivo, realizaranse varias conexións en directo desde diferentes puntos da feira con reporteiro, que incluirán, por exemplo, a preparación do desfile antes da saída, a carpa cos postos de gastronomía ou unha cociña dun restaurante para ver os preparativos do cocido. Ademais, farase a pé de rúa o seguimento das carrozas e comparsas conectando con elas ao longo do desfile. Tamén se realizará unha reportaxe coa temática do cocido que se porá en streaming no transcurso do evento.

"Está claro que a importancia da Feira do Cocido traspasou hai tempo as nosas fronteiras, polo que se facía necesario apostar por novas iniciativas comunicativas a altura deste evento e que grazas á difusión en calquera parte do mundo sexan un acicate máis para darlle visualización e prestixio -expón Vilariño-. O intenso traballo de promoción desenvolvido nos últimos tempos e as actividades complementarias que se foron introducindo serviron para que a feira sobrepasase o seu carácter eminentemente gastronómico e se convertese nun acontecemento de constatada repercusión a nivel internacional".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia