A apertura da xira de Nao terá lugar nun lugar e nun momento especial. Mao e José Antonio deixan o Vinte Berzas, o xa emblemático local que abriron fai uns anos no corazón da Zona dos Viños e que se converteu en todo un referente. Os anos sen embargo acabaron pouco a pouco coas forzas dos dous, que a finais deste mes de xaneiro darán o relevo á fronte do "Vinte". Nas próximas semanas agardan varias despedidas, entre elas a homenaxe que Nao lles brindará con este concerto. Para Jasper, primo irmao de Mao, este concerto tamén ten algo especial nese sentido. "Fainos moita ilusión tocar no Vinte Berzas. Será a nosa despedida a un lugar onde tantas veces paramos nestes anos", afirmou o cantante estradense. Cabe recordar ademais que non é a primeira vez que a formación toca neste pequeno local. Xa o fixeron fai dous anos, nunha actuación na que moitos tiveron que quedarse fora polo reducido aforo.