O IES Laxeiro de Lalín está moi involucrado co fomento da lectura, proba disto, é que acaba de lanzar unha nova campaña durante o Nadal, contando coa axuda da concellería de Cultura, liderada por Lara Rodríguez Peña. Porén, desta volta, o centro quixo implicarse a maiores noutra causa tan necesaria como é a loita contra a violencia machista e a desigualdade de xénero, que segue tan presente na actualidade e nos distintos ámbitos, dos que non se libran os centros de ensino.

Baixo o lema Tempo de Igualdade, a campaña consiste en agasallar ao alumnado cun calendario e dun set que inclúe tres lapis con gomas e una regra, por cada tres libros emprestados, tanto na biblioteca do centro educativo (200 almanaques), como na biblioteca municipal de Lalín (300). Os calendarios, de cor morada, van máis alá da súa función de distribuír o tempo. En cada mes, proponse dúas lecturas sobre temática feminista, ademais de remarcar datas importantes para a muller. Unha das obras está dirixida ao público infantil e xuvenil e outra aos máis adultos, tal y como indicou onte Gracia Santorum, mestra do Laxeiro e artífice desta proposta. Ademais, as obras son de xéneros distintos. Así sen ir máis lonxe as propostas do mes de xaneiro son 30 maneras de quitarse el sombrero, de Elvira Lindo ou A balada dos unicornios, de Ledicia Costas. En canto as datas sinaladas deste mes recóllense o día 5 o nacemento de Maruja Mallo, o día 7 o de Simone de Beavoir, o día 23 cando María Soliño foi sentenciada por meiga ou as datas dos nacementos de Virginia Woolf o 24 ou o 31 de Concepción Arenal.

"Por que incidimos na igualdade? Porque é algo que nos está preocupando cada día máis, acaban de asasinar a unha profesora", explicou Santorum facendo referencia aos comentarios que se escoitan polas redes sociais, e que en certo modo culpan á muller, ben por saír soa, por levar minisaia ou por beber "sempre facéndose fincapé na parte feminina e nunca na responsabilidade que teñen os homes". Polo tanto, consideran que estas lecturas de igualdade deben ir encamiñadas a tratar de evitar esta lacra. "Está claro que algo estamos facendo mal, e todo é Educación, e Educación e Cultura van da man cos libros", incide Santorum. O director do centro, Uxío Grande, sinalou que é un problema que "se debe atacar máis intensamente, porque por desgracia sigo apreciando na mocidade moitos indicios, incluso vémolo en alumnos, que hai mentalidades que son terribles, por iso coa lectura moitas mentes se cambiarían incluso, e sobre todo, con lectura que ensine". Desde o centro indican que estas campañas de lectura sempre teñen unha gran acollida.