As nenas e os nenos ingresados no Hospital Clínico de Santiago acudirán a partir de agora á súa cita médica no bloque cirúrxico ou para realizarse probas diagnósticas no seu propio vehículo eléctrico. Esta mañá tivo lugar o acto de entrega dos dous vehículos eléctricos doados polo Corte Inglés á Obra Social de Pediatría, liderada polo xefe de Pediatría da xerencia compostelá, Federico Martinón. No acto estiveron o director de Relacións Institucionais de El Corte Inglés, Pati Blanco, o xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón e a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, ademais de persoal do servizo de Anestesioloxía e Reanimación e de enfermería e celadores.

O proxecto "Coches Eléctricos Terapéuticos" no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela propón o uso destes automóviles de xoguete dentro das instalacións do hospital cun fin terapéutico que pretende tranquilizar ao menor, procurando unha mellor colaboración co persoal sanitario no seguimento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporcionando unha maior efectividade na súa asistencia clínica. Neste proxecto ademais de Pediatría, participa o Servizo de Anestesioloxía e Reanimación, e o equipo de enfermería, auxiliares e celadores do centro. Esta iniciativa fíxose realidade grazas ao apoio de El Corte Inglés, que xa ten colaborado en distintos proxectos de humanización co Servizo de Pediatría do Hospital Clínico nos últimos anos. Entre os máis recentes destaca a venda das pulseiras solidarias da Obra Social Pediatría (www.obrasocialpediatria.org) polas que El Corte Inglés doará o importe íntegro aos fins da Obra Social, que se xestionan a través da Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.