Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A árbore de Nadal con máis ciencia

O IES Laxeiro elabora unha vistosa peza con balóns de cores creadas no seu laboratorio

Profesores, con Marina Pardal á dereita, e alumnos mostran a árbore de Nadal. // Bernabé/Javier Lalín

Orixinal e, desde logo, moi científica é a árbore elaborada para este Nadal polo IES Laxeiro. A vistosa peza está composta de balóns de laboratorio de diferentes cores resultado de experimentos docentes.

O centro lalinense pretende facer máis visible a ciencia durante o presente curso, no que lle foi concedido o clube da materia pola Consellería de Educación e vén de participar na semana STEM, con 25 alumnos de 1º de ESO. Así que, chegadas estas datas, pensaron que a decoración tamén tiña que facer visible este aspecto. Partindo de que moitos laboratorios usan o seu propio material para decorar, lembráronse da vistosa práctica celebrada co gallo do Día da Ciencia en Galego, o pasado 6 de novembro, e puxéronse mans á obra. Desenvolveron a idea de facer unha árbore de Nadal utilizando os balóns do laboratorio e os resultados da práctica de medición do pH cun indicador natural.

Alumnado de 2º de Bacharelato fixera un experimento usando col lombarda, consistente en preparar o estrato cortando e fervendo a hortaliza e filtrando o líquido obtido, que sería o que funcionaría como indicador. Logo, estudaron o seu comportamento ao enfrontalo a diferentes substancias, que toman diferentes cores en función do seu pH. Así, os ácidos (zume de limón e vinagre) terminan vermellos e rosas; os básicos (bicarbonato sódico e amoníaco) converten o indicador en azul e verde; e un neutro (auga destilada) pásao a violeta. Tamén fixeron algúns balóns con indicadores de pH químicos, como o verde metilo, no laboratorio de Física e Química.

"Para darlle un pouco de decoración de Natividade coroouse a árbore cunha estrela feita coa técnica da papiroflexia e a mesa cun papel vermello cheo de anotacións das diferentes ciencias, e, ao fondo, escribimos a descrición da práctica para que o alumnado poida ver que esas cores son resultado dun experimento científico feito no noso laboratorio", explica Marina Pardal Varela, coordinadora do Clube de Ciencia. Quixeron tamén felicitar as festas con elementos químicos da táboa periódica, gardando o rigor ao elixir as cores pra cada grupo de elementos: FeLiCeS FeSTaS IEs LaXeIRhO.

"O obxectivo principal desta decoración é facerlle ver ao alumnado que a ciencia está presente no noso entorno e que, aínda que ten unha parte árida no seu estudo, tamén ten outra divertida e atraínte que compensa o esforzo", manifesta Pardal. Participaron na actividade os departamentos de Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía e Matemáticas e profesores doutras especialidades que aportaron ideas e puxeron o seu grao de area axudando a colocar a peza ou valorando o traballo feito.

Compartir el artículo

stats