A Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, na parroquia cruceña do mesmo nome, celebrou onte a Xuntanza de Forxadores, nun acto "sinxelo e moi sensible", en palabras da súa presidenta, Carmen Lareo. O evento estivo adicado a Luis Reimóndez, falecido na tarde de onte e asiduo colaborador da fundación. "Para min, era un amigo, un confidente e un gran apoio desde que faltou o meu irmán", engade Lareo, quen apunta que non puido suspender a Xuntanza tras ter coñecemento do óbito debido a que estaba previsto que acudisen numerosos membros vidos desde distintos puntos do país.

A velada comezou coa presentación do libro da XIV Xuntanza Internacional das Artes Plásticas, encontros Culturais no Rural, que edita a Xunta de Galicia. Lareo tamén fixo un repaso polas actividades deste ano a piques de rematar, nas que se inclúen as colaboracións co intercambio cultural cun grupo de artistas de Campana, un curso de pintura ou a exposición que pode verse desde antonte no auditorio Xosé Casal. A fundación rematará a programación deste 2018 o martes, cunha sesión sobre a importancia dos avós e avoas como transmisores da lingua e da cultura. A Xuntanza de Forxadores rematou coa actuación do grupo Vai Nela, de Salgueiros, e un ágape de invernía para todos os asistentes no Mesón O Pote, tamén en Piloño. Este local sorteo unha cea para dúas persoas, que recaeu en Suso Vaamonde, quen renunciou ao agasallo e llelo cede a unha parella de Vai Nela.