Benxamín, "Benxa", Otero constitúe para o xurado dos premios Lalinense do Ano "un referente cultural na vila de Lalín desde fai anos, estando presentes en innumerables asociacións e formacións". O músico, artista multidisciplinar e mestre sentíase onte abrallado pola distinción.

-Que se sinte sendo o lalinense deste ano?

-Pois certa perplexidade pero tamén unha grande alegría. Teño que decir que estou moi agradecido, por suposto a todos os que pensaron en min para o premio. Eu que non estou afeito a moitas parafernalias desas pois, como che digo, estou moi abrallado.

-Quen lle dixo que estaba premiado?

-Chamoume o alcalde Rafael Cuíña persoalmente e, a verdade, quedéime sorprendido porque hai un montón de xente no pobo que o merece tanto o máis ca min, pero ben... Cando é así alégrate moito porque insisto que seguro que hai moita xente tan merecedora o máis ca min a este premio tan especial.

-Como home da cultura dezá, que supón para vostede o premio?

-Como sabes, en Focucu damos o loureiro de ouro e cando o propuxemos no seu momento sempre entendimos que estes premios teñen que ser un agradecemento e un cariño. Para min este premio é un cariño que ten determinada xente conmigo e iso é o que me fai moi feliz. Saber que as cousas polas que te esforzas, polas que traballas e nas que crees e polas que loitas teñen esta recompensa e ese cariño dunha xente que cho quere agradecer, e eso me fai profundamente feliz.

-Recibiu moitas felicitacións?

-A verdade que están chegando pouco a pouco. Me pillas currando e a verdade é que aínda non tiven moito tempo para responder. Supoño que a partir de agora terei que facelo porque intentarei responder a todas as chamadas e mensaxes que estou recibindo.

-Acordarase de alguén cando reciba o premio?

-De momento non o pensei. Evidentemente aproveitarei ese pequeniño espazo que me ceden para intentar agradecerlle a toda a xente a quen lle teño que agradecer. Procurarei preparalo moi ben para ser breve e non esquecerme de ninguén, claro, pero xa che digo que aínda é moi pronto para pensar niso.

-Supoño que premios así reforzan a quen os recibe na súa labor, non?

-Claro. Ao final isto é una loita, xa sabes. Todos estamos un pouco ahí, e cando recibes este alento pois evidentemente é un pouquiño de forza para continuar porque ao final un sempre ten dúbidas, e as veces hai momentos nos que flaquean as forzas pero estas cousas evidentemente axudan moitísimo a seguir tirando para adiante co que máis che gusta facer.