Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As dúas torres do Monte Farelo

Os topónimos A Torre Vella e A Torre Nova poden facer referencia a algún tipo de fortificacións defensivas, a refuxios de pastores, a edificacións castrexas ou non máis que a elevacións naturais do terreo, segundo as diferentes versións

As dúas torres do Monte Farelo

En Galicia, onde afortunadamente somos ricos en topónimos moitos deles perdidos na noite dos tempos, a lingua serviu para crear e consolidar, a maior variedade toponímica de toda a Península Ibérica. Coa Lei 10/2015 do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega incluíron o recoñecemento e protección da "toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos nosos territorios considerando, logo, que a toponimia definida como unha ciencia, se ocupa do estudo dos nomes cos que chamamos e identificamos os lugares, os espazos, os sitios das terras, vilas, aldeas e pobos do país".

Os nosos ancestros foron dando nomes a lugares que lles foron propios, habitados ou non, e normalmente a maioría dos topónimos teñen a súa orixe nun significado real de localización, situación xeográfica, descrición, etc., sen esquecer que moitos deles teñen raíces xermánicas, latinas propias do proceso de romanización, ou árabes, entre outras. Sen dúbida, a información que aportan ao coñecemento da nosa historia e forma de vida no pasado é un patrimonio que ineludiblemente temos a obriga de conservar. A súa riqueza e abundancia na nosa terra, ademais, viuse incrementada polas características propias da nosa xente e as terras que habitaban: o minifundismo, a dispersión xeográfica, as dificultades orográficas e a necesidade para sobrevivir de cultivar e explotar os recursos naturais dos que eran beneficiarios, así como a xenerosidade da terra nunha inmensa variedade de flora e fauna que, sen dúbida, contribuíu a esa abundancia de topónimos.

Os nomes cos que designamos a nosa terra e os seus accidentes naturais e xeográficos, un monte, un río, unha aglomeración humana, aldea, lugar, normalmente, teñen perdurado ao longo dos séculos e son quizais os máis estables e significativos á hora de aportar información histórica do pasado, xa que foron transmitidos pola tradición oral e escrita de pais a fillos, e a súa razón de ser entronca directamente coa chamada de atención que para o primeiro que o nomeou deste xeito tivo algunha das súas características propias.

O caso do que hoxe estamos a ocuparnos é o das dúas torres -a Vella e a Nova- do Monte Farelo, preto do lugar de Aián, parroquia de As Trabancas, onde, por certo, hai tempo aparecera unha lauda en pedra de granito, tallada cunha figura dun guerreiro, posiblemente de orixe medieval; é o coñecido polos veciños do lugar como O Santito e que, reciclado como piar dunha casa no medio da aldea, anos máis tarde desaparecera. A toponimia fálanos, segundo recolle e explica perfectamente a investigadora Luz Méndez, no seu libro sobre Toponimia de Agolada, do significado e concepto polo que entendemos que posiblemente no lugar houbo unha construción de vixía, unha torre ou algo similar, tal vez tan so un outeiro de vixilancia: "A palabra torre procede do latín turrem, edificio civil ou militar fortificado e dedicado á defensa". Aínda aceptando como feito probado esta orixe do nome, non podemos esquecer, como mesmo apunta Luz, falando do topónimo As Torres, que asimesmo existe na parroquia de Brántega, que en ocasións fai referencia a un lugar elevado, ás veces un asentamento ou un castro, e existe documentación que proba a súa existencia xa no medievo, mesmo na variante de casa de, da que derivaría casa das torres-catorres-as torres.

Referencias ao pasado

O Monte Farelo está cheo de referentes en forma de topónimos ao noso pasado, lugares como O Burato dos Mouros, A Pena Lobeira, O Curro de Eguas, As Penas das Huchas e, dende logo, estas dúas torres, A Torre Vella e A Torre Nova, entre outras moitas, que nos aportan información moitas veces mal interpretada ou terxiversada pola memoria e a tradición oral das xentes e os pobos.

Subindo cara o cumio do Farelo, pola súa vertente oeste, dende Aián, atopámonos despois dunha primeira costa cara un pequeno outeiro rochoso coñecido como O Farelo Pequeno, e logo dun novo repeito escasamente de catrocentos metros, nunha pequena chaira na que as uces, os toxos, os felgos e as xestas son as raíñas da nada, no medio da pedra, a inmensidade do ceo, e a longa sombra do Farelo, castigado na súa fermosura polas tarabelas do parque eólico que se estende ata máis alá da serra. Alí mesmo atopamos á nosa dereita os restos do que era coñecido como "as dúas torres", quen sabe se atalaias, ou torres defensivas, ou fortaleza, ou castelo, ou non máis que unha elevación natural do terreo sobre unha pequena chaira antes de iniciar o duro e definitivo ascenso ao cumio do monte, e que na toponimia do lugar se recollen como A Torre Vella e A Torre Nova, e que se localizan na vertente oeste do monte, entre Aián e o Castro das Trabancas, por certo, protexidos dos ventos e fríos do norte dos que no inverno é ben xeneroso no Farelo; sen dúbida, na erosión do terreo e nas formacións graníticas das rochas ten moito que ver esta dura climatoloxía de xeos e neves.

A Torre Vella, nun promontorio de forma semicircular, máis preto do comezo do último ascenso cara o cumio do monte, e A Torre Nova, a uns douscentos metros, elevada no medio da chaira sobre un pequeno outeiro con clara forma circular que nos leva inmediatamente a pensar na existencia dun pequeno castro, aínda que, se puideran existir restos, pensamos que sería por pura causalidade, xa que os traballos de canteira e extracción de pedra granítica alteraron profundamente o seu entorno, e teño para min que os restos de pedras, que fan pensar na preexistencia de muros e parapetos, posiblemente tan so son o produto da acumulación de restos inservibles dende o punto de vista da canteira, como residuos.

Discrepo amistosamente, aínda que respectando o seu mellor criteiro, por tanto, sen ter coñecementos arqueolóxicos suficientes, para elo, e tan so baseándome na miña experiencia e observación de campo, das opinións feitas no seu blog por Manuel Gago, cando fala da existencia destes restos como de muros derruídos dunha fortificación, castrexa ou mesmo máis antiga, aínda que insisto na miña falla de capacidade para prexulgar, e tan so motivado polo que puiden ver, e revisar nas visitas que realicei pola zona. Cando no seu blog Capítulo cero Manuel Gago nos da conta da máis que posible existencia de dúas fortificacións defensivas no Farelo, que posiblemente entroncarían coa existencia dunha rede defensiva na Ulloa, e mesmo na dorsal da serra do Faro no Val de Camba, máis que probable de orixe castrexo, como o testemuñan a infinidade de restos arqueolóxicos atopados na zona. Tal e como nos relata Gago no seu blog e que recollo textualmente: "A Torre Nova segue o modelo xa especificando de gran penedo. Ten unha visibilidade moitísimo máis reducida que A Torre Vella, enfundada no fondo dunha valgada, aínda que controla boa parte da Ulloa sur. Localizamos tella, asento de muros, e por unha banda, seguindo o patrón habitual que observamos en fortificacións do século VIII ou IX, un foxo e un pequeno muro que, insisto, imaxino como base dunha muralla de madeira".

Sexa como sexa, tanto se sobes dende Aián, como se buscas a subida algo mais cómoda dende Aldea do Monte, polo vello camiño -non a pista actual feita co gallo do parque eólico, que cambiou totalmente a fisionomía e o feitizo máxico deste lugar de beleza incomparable, amén de infinidade de restos arqueolóxicos, moitos deles estragados, ou desaparecidos dun xeito máis ou menos intencionado- é curioso e chama a atención que na vertical do monte, que corresponde ao concello de Antas de Ulla, atopemos tal cantidade de restos, en forma de antas ou petróglifos, como para quitarse o sombreiro e que fan deste lugar un paraíso da cultura castrexa, para expertos, visitantes e amantes desta linguaxe das pedras; e que, pola outra banda, non hai na de Agolada, a pesar de que na súa proximidade saibamos da existencia de castros, da importancia do de Tras Castro, o de Amarante, o de Marcelín, o da Ermida ou mesmo o castro de Borraxeiros ou o de Ventosa. Logo, a pregunta resulta obrigada: Por que non hai restos de mámoas ou de petróglifos no Farelo de Agolada? Algúns vellos veciños que se atreven a falar contan que moitas delas foron estragadas polos traballos de canteira e polo parque eólico, coa complicidade do concello, que non valorou nin lle deu importancia ao noso patrimonio arqueolóxico, noutros tempos.

Resulta interesante constatar que A Torre Vella tampouco ten visibilidade sobre o val da Ulloa, e dende ela non se podían controlar os dominios do Castelo Pazo de Amarante, xa que queda na vertente sur do Farelo, en terras do municipio de Agolada. Aquí tan so atopamos algo que semella un círculo que gabea entre enormes penedos cheos de curiosas pías naturais, con caprichosas formas e de novo un burato, ou pequena cova, na que non se aprecia a existencia dunha profundidade máis ala dun metro, acubillo perfecto para coellos, raposos e outros pequenos animais.

A distancia entre esta segunda torre e o Castelo Pazo de Amarante, en liña recta, é de tres ou catro quilómetros, e do coñecido como O Burato dos Mouros, por onde, segundo a lenda, saíra o polo que soltaran dende a lareira da cociña do castelo, dista uns cinco o seis. Recomendo a lectura detida do artigo do mestre, xeógrafo e excelente coñecedor da cultura castrexa do Deza Antonio Presas, publicado no Faro de Vigo o domingo 5 de agosto deste ano, baixo o título A Lenda do túnel ou pasadizo do Farelo. Non resulta en absoluto crible medianamente a existencia destes pasadizos polo interior do monte, e que unirían como vía de fuga e escape no caso de perigo ou asedio, esta fortaleza de Amarante, coas covas e buratos que de cando en vez atopamos, e que máis ben semellan formados polas propias laxes e moles graníticas de forma natural. Alomenos esta que atopamos na Torre Vella e o coñecido como o Burato dos Mouros non semellan ter máis profundidade que un par de metros, e formadas naturalmente pola disposición de enormes rochas graníticas, usadas na actualidade como acubillo de animais.

Nas formacións rochosas desta torre observamos unhas circunferencias teóricas de boas dimensións das que naturalmente as pedras se foron dotando e pías formadas polo paso do tempo dun xeito espontáneo, en artísticas e caprichosas figuras, e con infinidade de pedrerío acumulado en forma natural ou non, quen sabe o que pode haber debaixo da abundante vexetación de xestas e toxos que o cobren todo, e que suxire en ocasións a existencia de muros bastante voluminoso.

Fortificación ou refuxio?

Fortificación? Restos tal vez dunha muralla defensiva, cachotes derruídos dun muro fortaleza? Ou, como apunta Manuel Gago, restos doutro tipo de construción, de pastores, refuxio ou alpendre noutro tempo no que pechar o gando, ou edificacións castrexa. En definitiva, tan so restos en pedra, atalaia defensiva ou círculo de vixiancia e defensa que mesmo podería ser anterior no tempo a existencia dos castros e a cultura castrexa, pero dende logo nada fai pensar na existencia dun castelo ou unha torre defensiva medieval.

Na subida cara a primeira das torres, atopamos restos do que puido ser unha construción, caseta de pastores ou alpendre para refuxio, e xa na primeira elevación sobre a pequena chaira que coroa a subida, enormes penedos, con formidables figuras esculpidas polo vento, a chuvia o xeo, e o paso do tempo, pero nada que nos leve a pensar na existencia construída pola man do home como fortaleza ou torre defensiva.

O Monte Farelo, fronteira natural do interior de Galiza, entre Deza e A Ulloa, onde podemos atopar o centro xeográfico do país -por certo, no seu cumio existe un vértice xeodésico, do que hai anos desapareceu a súa placa de identificación, algúns contan que roubada porque estaba feita de cobre-, cunha altura de 952 metros e ben xeneroso en rochas graníticas, moitas delas hoxendía aínda destinadas ás construcións e edificacións de edificios, vivendas e muros das aldeas e vilas do noso concello. Sen dúbida, permite unha visión nítida e profunda das terras, e dominios dende o Val do Carrio, as penas Gundín, Maior, Castro Marcelín e Coteimil de Agolada; por suposto, a Serra do Faro, entre Chantada e Rodeiro -lugar de paso obrigado para os peregrinos e viaxeiros que viñan polo Camiño de Inverno, escapando das neves do Cebreiro, e tomaban esta variante alá en Ponferrada-, e todo o val e terras da comarca da Ulloa. E dende logo aínda hoxe resulta o grande descoñecido desta dorsal do país, e quen sabe cantos misterios agocha no seu interior e canto nos falta por descubrir, estudar e coñecer do que foi o cumio sagrado para os nosos ancestros durante o esplendor da cultura castrexa.

Compartir el artículo

stats