A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través en Idade Escolar terá lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, na Feira Internacional de Galicia (FIG) Abanca. Na presentación que tivo lugar onte no paseo central do recinto, participaron representantes das dúas entidades organizadoras da proba, que pretende fomentar a actividade física e a relación entre os rapaces da zona. Así, estiveron presentes Daniel Benavides, xefe de servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, e Manuel Constenla, responsable da Agrupación Deportiva Escolar O Pino, que inclúe centros escolares dos seis concellos dezaos. A eles uníronse a concelleira de Cultura, Turismo e Deportes do Concello de Silleda, Ana Luisa González Costa, e o director da FIG Abanca, Ricardo Durán.

A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través contará coa participación de 839 alumnos de primaria e secundaria de once centros educativos da comarca, o cal supón 134 alumnos e tres centros máis que o ano pasado. Así, repiten o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o IES Pintor Colmeiro e o CEIP Plurlingüe de Silleda; o Ramón de Valenzuela, de A Bandeira; os lalinenses Xoaquín Loriga (Prado) e Plurilingüe Vicente Arias de la Maza (Vilatuxe); o CPI Plurilingüe de Rodeiro; e o CEIP Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces; e incorpóranse o IES Laxeiro, de Lalín; e os colexios Pío Cabanillas, de Dozón, e Varela Buxán, de Cercio.

Esta competición, que é clasificatoria para o Campionato Provincial de Campo a Través, incluirá categoría benxamín (2º e 3º de primaria), no cal corren 500 metros tanto nenos coma nenas; alevín (4º e 5º de primaria), con distancias de 800 metros en feminino e 1.000 metros en masculino; infantil (6º de primaria), correndo 1.000 metros en feminino e 1.200 en masculino; e cadete (2º e 3º de ESO), cunha distancia de 1.200 en feminino e 1.500 en masculino. O cross comezará ás 10.30 horas da mañá coa categoría de benxamín feminino. Seguirano, cada 15 minutos, benxamín masculino, alevín feminino e masculino, infantil feminino e masculino e cadete feminino e masculino. Rematará sobre as 12.30 horas, cando se fará a entrega de medallas.