Se o ano pasado a saraiba obrigou a pospoñer os primeiros actos da Festa da Caza, onte nin sequera a choiva fixo acto de presenza. A media mañá daban comezo exhibicións de tiro con arco e de field target. Mentres, os músicos de Os Arandos e da charanga Os Ardores íanse turnando para poñer a banda sonora a unha xornada que tivo, como un dos seus principais reclamos, unha exhibición de aves de presa con Francisco González, da firma Falcóns de Galicia, da Pobra do Caramiñal.

A zona que adoita usarse como campo da festa do casco urbano de Rodeiro, pegada á carpa das degustacións, serviu de escenario para a exhibición dunha ducia de animais de cetrería. Falcóns, corvos africanos, unha femia de aguia Harris, bufos e un cernícalo americano demostraron as súas dores diante dun público moi entregado e que se sorprendía ao ver a Frac, o corvo africano, cómo comía un ovo de galiña, ou cómo Piqui, o cernícalo americano de pouco máis de 90 gramos de peso, se pousaba nas cabezas dos presentes. Francisco González quixo tamén deixar fóra certos estereotipos que ainda quedan sobre a cetrería, como que estes animais fan unha caza masiva (cando non é así, pois o falcón, por exemplo, sempre abate o animal máis débil) ou que se caza sobre presas vivas (onte a aguia Harris caeu sobre un boneco de plástico que simulaba un coello). Ao final da sesión, o cetreiro repartiu entre os nenos diversas plumas. Ante a sorpresa dos presentes, tamén sacou dunha caixa, como colofón, un pequeno kiko.

Pasadas as 13.30 horas, comezou a degustación baixo carpa. Medio cento de coellos e 100 quilos de xabarín guisado fixeron as delicias dos presentes, que incluso tiñan un barman á súa disposición. Entre os persoeiros que acudiron á cita gastronómica máis coñecida de Roediro estaba a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o xefe territorial de Medio Rural, AntonioCrespo.Como representantes da política local, ademais do alcalde, Luis López, e diversos concelleiros do goberno, acudiron o líder do PP de Lalín, José Crespo, o portavoz deste partido, Javier Blanco, o rexedor de Agolada, Ramiro Varela, ou o exalcalde de Rodeiro, Eliseo Diéguez.