Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Casa Grande da Baíña, o símbolo dunha época

Fundada por Lope Varela, nos seus bos tempos daba traballo a máis de 60 persoas

Vistas da casa grande da Baíña. // Fotos: Anxo Oro/Ángel Utrera

Do pasado esplendor daquelas familias nobres -Varela, Salgado, Lope de Brandariz, entre outras- tan so queda a historia máis ou menos documentada e algún que outro resto da coñecida Torre, sen dúbida casa pazo torre defensiva da familia dos Brandariz, que tomaron o nome, posiblemente da toponimia deste lugar da Baíña, tal vez de orixe xermánico, Brandarico, que resultou moi común na Idade Media, e fundada polo escudeiro Lope de Brandariz, o vello. O seu fillo Pedro Ares de Brandariz fora meiriño da xurisdición de Borraxeiros no século XVI, liñaxe e casa que fundara Ruy Lope Sánchez Moscoso, da casa dos Altamiras e sobriño de Sancho de Ulloa.

A edificación deste impresionante Pazo de Borraxeiros que chegou ata os nosos días, fora inicialmente castelo-fortaleza medieval dos señores da Ulloa, se ben pasou finalmente por mor dos enlaces matrimoniais pactados propios daqueles tempos, á casa de Altamira, donos de terras e xentes ata ben entrado o século XX. Aínda que derrubado en parte no ano 1467 durante as revoltas irmandiñas, de 1466 a 1469, nas que os vasalos, agricultores, campesiños, fidalgos e cregos habitantes dos burgos e vilas e xentes máis humildes agrupados en irmandades se rebelan contra os abusos dos nobres e señores feudais, logo de que fora recuperada a súa propiedade polo conde de Monterrei, coa axuda do arcebispo Alonso de Fonseca.

A linaxe dos Salgado

Estas ruínas serviron como asento doutro edificio de aspecto feudal. Ao longo do tempo sucedéronse diversas reconstrucións que converxeron na antiga casa señorial conservada na actualidade, daqueles primeiros tempos conserva parte do seu muro defensivo e torre no interior da que fora casa solariega pacega do liñaxe dos Salgado. Como anécdota que fala do pasado esplendor daquela estirpe, queda a memoria dos que recordan que en tempos, dende Goiás, en Lalín, ata a Casa Grande da Baíña, o camiñante nunca deixaba de pisar terras propiedade dos Salgado.

Foi no ano 1581 cando a propiedade do pazo revirte aos Salgado, trala compra das ruínas e xurisdición do mesmo por Antonio Salgado Gundín, crego da casa da Laxe do veciño Monterroso, converténdose deste xeito en señor de Borraxeiros, e ganándose o dereito a repousar en terra sagrada no presbiterio da igrexa parroquial, románica do século XII, baixo a estatua orante que recorda a súa tumba, mercé a Bula Pontificia de Gregorio XII, quen autoriza ao rei Felipe II á súa venda, xa que daquela o Pazo pertencía á mitra de Santiago de Compostela.

A primeira constancia escrita do nome de Brandariz data do ano 1542, nun documento do convento de Belvís, en Santiago de Compostela, no que se relata o aforamento dunhas terras a Fernando Pérez de Brandariz, veciño da feligresía de San Pedro da Baíña. (Luz Méndez, Toponimia de Agolada).

Lope de Brandariz

Con posterioridade, o neto daquel escudeiro Lope de Brandariz ía fundar no lugar de Castro a coñecida na actualidade como Casa Grande da Baíña ou Casa dos Ouros. Fora, por tanto, Lope Varela o fundador desta casa fidalga, da que a orixe era a de casa de labranza, do que dan fe o seu hórreo no patio interior de acceso, levantado sobre o muro, diante da eira de pedra, onde tiña lugar a trilla para separar o grao da palla. É unha construción única practicamente na nosa comarca, sen esquecer as catro cubas de madeira de tulla, das que aínda hoxe se conservan en perfecto estado tres de elas, no interior das cortes, e onde se almacenaba o grao.

Nos seus bos tempos, para servizo e traballo das fincas e terras da casa, chegaron a vivir no seu recinto ata sesenta persoas, entre persoal de cociñas, cabalarías, labregos, serventes..., o que da idea do seu poderío económico e político, así como a súa puxanza pasada na zona. Efectivamente, na actualidade aínda quedan en pé daquela construción, que tan bos servicios prestou á economía doméstica da Casa dos Ouro ou Casa Grande da Baíña, os muros e pedras de duro granito posiblemente extraído das minas e canteiras da veciña Pena Gundín de Val de Sangorza, entre as silvas que fan practicamente imposible achegarse ao seu interior para contemplar e imaxinar o que debeu ser nos seus mellores tempos.

Os criados

Hai que recordar, como nos indicaba hai tempo o noso amigo e historiador José Ramón Pérez Salgado, veciño do noso concello, que no ano 1752 na Galicia interior un 22,5% dos fogares contaba, ao menos, cun criado, tarefa na que se ocupaba un 8% da poboación. Na Baíña naqueles tempos as porcentaxes recollidas polos dicionarios da época falan dun 27,2 % e 9,16%, respectivamente, un nivel algo superior á media do país.

O 23% dos criados da Galicia rural concentrábanse en pouco máis do 4% dos fogares do clero e da fidalguía, o que indica que se situaban dependendo do desigual reparto e desfrute da propiedade e as rendas, polo que a súa presenza era maior nestes sectores minoritarios ca, por exemplo, no dos labregos, que chegaban a ser o 73,6% dos fogares rurais galegos encabezados por este gremio. Na Baíña os criados varóns acadaban a cifra do 45,4% e os menores de idade, o 27,2%.

Os criados nas casas de labregos en dúas de cada tres ocasións servían para que a familia se concentrase nas labores da explotación, facendo que as criadas asumisen o coidado da horta, animais, etc., sen esquecernos de que a posesión de criados era tamén un signo de ostentación de poder e case que dun xeito gratuíto, xa que non se retribuía economicamente o seu traballo, eran propiedade da casa, coma quen di, e dende logo non era o mesmo ser criado dun crego que dun nobre ou dun señor, os coñecidos caciques.

Nas publicacións de Zenón de Somodevilla e Bengoechea, que cita José Ramón Pérez Salgado nos seus comentarios sobre a xente e cousas da Baíña, recóllese o que algúns criados si tiñan como salario: "Os criados de labregos en feligresías coruñesas cobraban entre 114 e 150 reais, soldo diario 7 veces inferior ó dos seus amos; que en zonas ourensás a unha criada lle pagaban 44 reais ó ano e unha comida diaria e a un criado menor lle pagaban a soldada en roupa e alimentos". Como curiosidade, no testamento do veciño de Artoño Domingo Fernández, do ano 1796, dise que a nora trouxo consigo como dote 500 reais reunidos nos 16 anos que traballou como criada.

Non podemos deixar de explicar que naqueles tempos ser criado significaba pertencer ó escalafón máis baixo dos estamentos sociais. A aspiración de moitos deles era pasar co tempo a formar parte dos sectores máis pobres como labregos dependendo de poder conseguir un foro, un arrendamento. No caso das mulleres un obxectivo prioritario era aforrar para poder matrimoniar ben e superar o seu estatus social de criadas, sobre as que moitas veces os señores da casa continuaban a exercer o seu chamado "dereito de pernada", é dicir, o presunto dereito que outorgaba aos señores feudais a potestade de manter relacións sexuais con calquera doncela serva da gleba do seu feudo que estivera a contraer matrimonio con algún dos seus criados. Dereito feudal que tivo vixencia durante todo o Medievo e que, aínda que fora eliminado, de feito en moitos pazos e casas fidalgas do país se mantivo.

Falabamos antes de que a casa grande da Baíña tamén foi coñecida entre os veciños do lugar como a casa Ouro, polo que temos que recoller aquí que un dos seus propietarios e moradores foi José Oro Frade, que chegou a ser médico do concello de Agolada, dende o día 7 de novembro de 1947 ata o ano 1953, no que marcha tras obter praza fixa como médico en Piñor de Cea (Ourense) cun salario anual de 4.500 pesetas e 2.000 como gratificación especial en concepto de carestía de vida, tomando posesión da súa praza o 9 de xaneiro de 1954, cun cupo de vintedous asegurados, en tempos nos que non había luz eléctrica en moitas das casas que visitaba, nin medios de comunicación nin transporte salvo as bestas domésticas.

De entre as súas memorias, recollidas co caderno Anecdotario de un médico rural (Crónica de una vida al servicio de la medicina mas humana), saco esta que respecto textualmente pola súa singularidade e que leva por título El termómetro: " Un buen día se acercó a la consulta un hombre con un cólico intestinal. Yo había salido a realizar visitas domiciliarios en Agolada y como no me encontró, se fue a ver al boticario y le contó lo que le pasaba. El boticario le colocó el termómetro para ver si tenía fiebre y a la vez le suministró unas gotas de Láudano. El enfermo salió a dar un paseo y los dolores cedieron. Entonces se marchó directamente a su casa y solamente al día siguiente regresó a mi consulta. Entró con cara de no haber descansado demasiado bien aquella noche y me dijo lo siguiente. 'Don Xosé, como vostede non estaba onte, fun á farmacia cunha dor de ventre moi grande e o boticario púxome aquí debaixo do brazo un aparatiño que me foi moi ben, poñermo e pasarme a dor foi todo un, pero agora quero que me diga si o podo sacar, pois toda a noite non durmín nada por mor de se o rompía ".

Ao rematar a guerra civil, naqueles tráxicos anos corenta do século pasado nos que o país loitaba por se reconstruír e entre represión, consellos de guerra, paredón, cárcere ou exilio para os derrotados e abuso de poder polos vencedores, o censo de contribución industrial, a famosa Matrícula Industrial, que recollía os establecementos de todo tipo, mencionaba na Baíña a existencia en uso e funcionamento dun muíño, de dúas moas e forza hidráulica, propiedade de José Oro Barrio, sendo alcalde Matías Fernández e secretario Miguel Conde, na data 27 de febreiro do 1941.

O Rego da Baíña

O referido muíño, un dos dous que tiñan en uso para cubrir as necesidades da casa grande e os veciños, nutríase, para mover as súas dúas grandes moas que trituraban os graos do maínzo ou do trigo ou do centeo, das augas do Rego da Baíña, que nace preto de Agolada, no Monte das Mámoas e que no seu primeiro tramo leva o nome de Rego de Couso, no que morren os Regos da Zaira e o Rego de Pumariños, e pasa por Borraxeiros, o lugar de Ponte Muíño, xa en Buxel de Artoño, ao pé mesmo da Fraga de Cendoi e o Pazo de Tras Pena que separa. Xa como Rego da Baíña, precisamente no lugar coñecido como A Braña, recolle as augas dos regos do Muíño de Orrea e, un pouco máis adiante, os de A Fontevella de Val e dos regos de Sa e da Porta da Uz, para finalmente derramarse nas tormentosas e frías augas do Ulla. No seu curto percorrido, este rego ou pequeno río da fe da importancia e relevancia que no devir cotián dos labregos e xentes destas terras tiña a moenda, xa que dende o seu inicio, ata a desembocadura no Ulla, quedan restos de máis dunha ducia de vellos muíños, hoxe abandonados e esquecidos, perdidos entre as silvas, ruínas mortas da nosa historia viva.

Por certo, como curiosidade, teño que dicir que escoitei primeiro a Miguel Caramés e despois ao propio Anxo Oro, ambos os dous fundadores daquela asociación Aventureiros de Baíña, creada no 1994 polos rapaces e rapazas da aldea, falar deste río como o Lentisco, nome co que se referían a el os máis vellos, mesmo o muiñeiro da mesma Casa Grande e incluso o propio José Oro, o médico e tío de Anxo, segundo me contaron.

O lentisco é unha árbore, máis ben planta arbustiva e resinosa, que chega a alcanzar unha altura duns oito metros, con folla coriácea persistente que se mantén verde todo o ano, aínda que non se pode considerar folla perenne e que se dispoñen de forma alterna sobre as pólas. As súas flores son de cor verdoso ou vermellas e o froito, non comestible e carnoso, vai ennegrecendo conforme madura. Planta de orixe mediterránea que medra formando matos, a súa resina foi utilizada para combater o mal alento, como chicle para mastigar e mesmo en odontoloxía para empastes contra as caries dentais, e tamén foi usada a súa madeira para facer carbón, para lareiras e braseiros. Logo a pregunta xurde por si soa: Por qué denominar a este pequeno rego co nome dunha árbore tan peculiar e inexistente na nosa comarca?

Ata a súa desembocadura alá no Ulla, o río da Baíña, aínda garda a sombra dos bidueiros e ameneiros que xenerosamente acompañan o curso do regato, os segredos de dous tres muíños, esquecidos e abandonados, que no pasado foron fonte de riqueza e traballo, e fonte de inspiración das copliñas e cancións de amores de mozas, gaiteiros e muiñeiros, xente da terra, labregos de corazón.

Compartir el artículo

stats