O Teatro Colón, na cidade da Coruña, acolle este sábado a partir das 18.00 horas a gala final do certame Quero Cantar, que convoca por terceiro ano a Deputación da Coruña. Ao longo do evento actuarán as seis formacións finalistas que optan a gañar sendos premios nas categorías de infantil e xuvenil. As bandas proceden dos concellos de Cortegada, Fisterra, Teo, Pontevedra e Vila de Cruces. Na velada actúa como banda invitada María Fumaça, liderada por Uxía Senlle.

No caso do municipio cruceño, hai dous temas que interpretarán alumnas do instituto Marco do Camballón. As dúas cancións, ademais, foron compostas por Noa de Capón, veciña de Merza. Así, esta moza acudirá ao concurso como solista e pianista co tema Agora son eu, mentres que o grupo de pandereteiras Enxebre presentará a composición Sempre combativas. Baixo o nome de Enxebre intégranse Lorena Medela, Nuria Penas, Aleixandra Torres, Carla Verde, Alba de Merza e Marta Castro.

Desde o Clube da Lingua do instituto indícase que "é unha honra que o noso centro sexa un referente musical e que a canteira das Cruces contribúa a enriquecer as novas xeracións da música galega". Desde o Camballón hai anos que se imparte a regueifa como materia educativa, e desde tempo atrás colabora coa Asociación Novo Cruceiro Rock, que difunde o rock en lingua galega. As finalistas xa teñen asegurado un premio, que pode ser de 1.500 euros e máis un videoclip para as primeiras clasificadas, 1.000 para o segundo posto e 500 para o terceiro. Todos teñen dereito ademais á grabación en estudio da súa maqueta, para incluiren o tema no disco Quero cantar 18, que se distirbuirá por centro de ensio de toda Galicia.