Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

San Martiño tivo celebración en once parroquias

Só no concello de Silleda houbo seis festas; as outras foron en Lalín, Rodeiro e Agolada

Procesión polos arredores da igrexa parroquial de Asperelo. // D.G.A.

O San Martiño de Tours ten moitas celebracións de carácter relixioso na nosa comarca, sen contar os moitos magostos que por estas datas están a organizar concellos, partidos políticos, asociacións veciñais e familias. Nós, procurando apoiar e mesmo rescatar a tradición que esmorece, fixemos un percorrido por algunhas das parroquias que o teñen por patrón ao bispo da cidade francesa e onde a celebración tiña especial relevancia.

En Asperelo, municipio de Rodeiro, os veciños celebraron tres xornadas con festa que comezaron cun magosto e verbena o venres para continuar o sábado e domingo coas orquestras Metrópolis, Tokio e o Dúo Pachi e Carmen. Houbo misa solemne e procesión en dúas das xornadas, nas que tampouco faltou a sesión vermú.

Os veciños de Negreiros, en Silleda, fixeron festa no centro social da parroquia cun xantar a base de empanada e carne ao caldeiro, sen que faltara a sobremesa e a bebida correspondente e a música puxérona Os Sin Son Ghaiteiros, que tamén acompañaron ao santo na procesión e na misa cantada do domingo.

Non lonxe, en Pazos, os veciños tiveron misa solemne e procesión na xornada do domingo pero non tiveron música, xa que a festa principal téñenlla a Santo Antonio e dúas festas supoñen moito custo para tan poucos habitantes.

Non foron estas tres nas que estivemos as únicas festas dedicadas a San Martiño que se celebraron na comarca. No mesmo concello de Silleda, onde, das trinta e tres parroquias, seis teñen a este santo por patrón, tamén tiveron misas cantadas e festa das casas en Fiestras, Rellas, Dornelas e Vilar. E, de mesmo xeito, no municipio de Lalín honrouse ao bispo de Tours en Prado, Maceira, Lalín de Arriba e no Cello, mentres no de Agolada fixéronlle festa os de Ramil.

Compartir el artículo

stats