Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paulino Estévez: "O diamante de calquera son os fillos, e nós témolos que tallar"

"Perdeuse a cultura do esforzo e estámolo consentindo, pero nada é regalado"

Estévez, onte, na biblioteca do IES Aller Ulloa de Lalín. // Bernabé/J. Lalín

O IES Aller Ulloa, de Lalín, acolle de xoves a sábado o Congreso de Ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga), que este ano celebra a súa 31 edición coincidindo co centenario da Algoritmia do ilustre astrónomo que dá nome ao centro educativo. Paulino Estévez Alonso, presidente de Enciga, visitou onte o instituto lalinense para falar deste evento.

-Tocoulle este ano a Lalín ser sede do congreso, nonsí?

-Efectivamente. Levamos 31 anos de experiencia facendo congresos e divirtíndonos con eles. Facémolo cada ano nunha provincia, este ano tócalle á provincia de Pontevedra,e o ano pasado foi en Allariz. Non pode ser unha localidade calquera porque chegamos a asistir nos mellores tempos 450 persoas. Actualmente hai unhas 250 inscritas porque supoño que aínda se notan os retazos da crise e que tamén a xente non tén tanto afán de asociacionismo como tiñamos nós. Tamén publicamos unha revista da que levamos 87 números. É moi difícil manter unha revista científica independente que exprese libremente a opinión de todo o mundo.

-Qué supón para o IES Aller acoller este congreso?

-Seguro que revoluciona un pouco o centro porque hai moitos profesores involucrados, que tamén implica a profesores doutras disciplinas. Haberá unha exposición de cousas descoñecidas de don Ramón Aller porque estamos na terra del e no instituto que leva o seu nome. Penso que Lalín ten que presumir sempre dun persoeiro como ese porque é un dos máis senlleiros que tivo. É un congreso moi enriquecedor para todos, pero compensa.

-A ciencia pode ser divertida?

-Totalmente, a ciencia é súper divertida e o que diga o contrario é que non coñece nada ou algún profesor de ciencias que lle amargou a vida. Por exemplo, na propia maxia dos magos, moitos son trucos matemáticos. As matemáticas teñen maxia no fondo, e a maxia ten matemáticas no seu fondo.

-Facela atractiva é un traballo exclusivo dos mestres?

-Tamén vós tedes a culpa en parte. Na radio escoitas ás veces que alguen le un número que é unha burrada, e se chama alguén por teléfono para decirlle que está mal dito, o xornalista para desculparse cóntalle que en matemáticas era moi malo. Escoitas a moita xente que presume que é mala en matemáticas. Sen embargo, non lle escoitas a ninguén presumir de que non escoitou nunca Tannhäuser o Aida. O normal é que se eres malo en matemáticas, seguro que tampouco eres bo nas outras. Temos ese hándicap que hai que vencer de entrada. Cando me despedía dos meus alumnos sempre lles dicía que se lembraran de que sempre tivemos un minutiño para rir. No sitio do ensino, onde pasan moitas máis horas que na casa, temos que procurar formalos, divertilos e non amargalos. Como nos gustaría a nós que foran os fillos dos demais.

-Cal é o segredo dun bo ensinante na actualidade?

-Eu digo sempre que calquera persoa que teña un diamante en bruto, que ten que tallar, pois buscaría o mellor tallador do mundo en Amberes. O diamante que tén calquera persoa son os fillos, e nós somos os talladores dos fillos porque estamos con eles oito horas diarias. Teñen que vir, digamos, un pouco limpos da casa, pero logo nós témolos que tallar. É unha responsabilidade moi grande non perder nada dese diamante. Os mestres temos o futuro nas nosas mans porque eles son o futuro.

-Mudaron moito os hábitos dos alumnos de hoxe?

-Agora teñen os móbiles, a internet, teñen a inmediatez. Están acostumados a que todo sea xa. Perdeuse a cultura do esforzo e estámolo consentindo cos alumnos de hoxe. Nós temos que poñer algo da nosa parte, pero eles tamén. Nada é regalado porque todos temos que aportar algo á sociedade. No seu carné pón estudante, unha profesión como a de limpiabotas ou fontaneiro. Din que están moi ben preparados, pero hai que dirixilos. En moitos centros xa lle están poñendo como norma que deixen o móbil nunha taquilla.

Compartir el artículo

stats