Debido ás obras na sede da Fundación Neira Vilas, o auditorio Xosé Casal acolleu onte a entrega do III Premio de Novela Curta, que recaeu en Pedro Rielo por Detrás dos perdidos. No acto interviron o gañador, un dos membros do xurado, Juan Andrés Fernández; o presidente e a secretaria da fundación, Luis Reimóndez e Rosalía Morlán; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Moi bo coñecedor da fundación e do legado de Neira, García felicitou á entidade da que formou parte "por manter vivo o recordo e o espírito dun dos máis grandes escritores das letras galegas, e esa preocupación que sempre impulsou a Pepe Neira a achegarse aos máis novos e inculcarlles o amor pola nosa lingua e por Galicia". Destacou que a obra de Rielo lles achegará aos lectores máis novos a cultura tradicional galega, e quixo facer fincapé en que Neira e Rielo comparten a súa dedicación ao xornalismo, "que dalgún xeito marca a maneira de observar a realidade e de trasladala á literatura". O acto, co que se conmemorou o 90 aniversario do nacemento de Neira Vilas, rematou cun especátculo de baile emúsica tradicional do grupo compostelán Cantigas e Agarimos.