Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Fundación Neira Vilas convocará o ano que vén o primeiro Premio Anisia Miranda

O galardón alternará certames para teatro e poesía -A entidade prevé organizar unha ofrenda floral a finais de mes, co gallo do terceiro aniversario do pasamento do escritor

Entrega do III Premio de Novela Curta a Pedro Rielo, onte á tardiña, no auditorio. // Bernabé/Javier Lalín

A Fundación Neira Vilas engadirá a partir do 2019 un novo concurso literario ao xa consolidado de Novela Curta, que este ano gañou o escritor e xornalista pontevedrés Pedro Rielo. Será o Premio Anisia Miranda, que leva o nome da esposa do xenial escritor de Gres, falecida en 2009. Como indica o presidente da fundación, Luis Reimóndez, este premio centrarase un ano en obras de teatro e ao seguinte nas de poesía. Faltan por fixar os prazos de presentación de obras e cándo se entregará o galardón ao gañador.

En calquera caso, terá a mesma dotación económica que o de novela curta, 1.000 euros, ademais da publicación da obra gañadora. "Hai premios cunha gratificación económica máis alta, e poderíamos tentar subir ésta con outras administración, pero o criterio da fundación nunca foi incentivar a escritura polo diñeiro", indica Reimóndez. E máis se se tén en conta que os gastos de edición dun libro son superiores a eses 1.000 euros de premio. E o que debe importar é, como dixo o ano pasado a gañadora da segunda edición do Premio de Novela Curta, An Alfaya, que o nome do gañador figure xunto ao do autor de Memorias dun neno labrego, o libro máis traducido da literatura galega. Reimóndez quere aclarar que o Premio Balbino de Relatos non se convoca desde a entidade que preside, senón por Edicións Fervenza.

A Fundación Neira Vilas tén outros proxectos entre mans, como a publicación do Dietario derradeiro, no que Neira Vilas foi recollendo as súas vivencias e artigos publicados en prensa, desde a data de falecemento da súa dona ata 4 días antes do seu propio óbito. A idea inicial era presentar esta última obra o 11 deste mes, coincidindo cos 25 anos de inauguración da fundación (púxose en marcha o 11 de novembro de 1993), pero "por razóns estratéxicas" a súa divulgación terá lugar a comezos do ano que vén. Nun mes cheo de aniversarios, o 27 terá lugar o terceiro cabodano do pasamento do escritor. A Fundación organizará unha ofrenda floral, cun acto moi sinxelo e sentido, en lembranza do autor, que repousa no camposanto da parroquia que onte o vía nacer facía 90 anos.

Este aprazamento do Dietario derradeiro tén sentido, posto que a sede da Fundación, na casa de Gres onde nacera o escritor, está en obras desde a semana pasada para cambiar a cuberta do tellado. Reimóndez apunta que queda descartada a ampliación do inmoble, "xa que é materialmente imposible incluso facer un salón de actos máis amplo". Iso sí, segue adiante unha reclasificación de todos os fondos que tén a biblioteca, de maneira que aqueles libros que teñan unha nula demada ou moi pouca saída donaranse a outros centros. Neste senso e preguntado polo Centro de Interpretación de Balbino que anunciara no seu momento o Concello de Vila de Cruces, Reimóndez reitera que ningún fondo documental sairá da Fundación, e que o idóneo, neses tempos de voráxine de internet, é crear un museo interactivo. Xa esiste, por exemplo, no Pazo de Torres do Allo, en Zas.

Compartir el artículo

stats