"Aloitaremos como Quixotes por vivir no medio rural, rodeados de montes cheos de vida, onde os Fillos do Vento sexan cabalos e non aeroxeneradores". Deste xeito rematada o manifesto da cuarta edición do MUSA -a Muiñada, Magosto e Samaín de Sabucedo- lido polo veciño e aloitador Míchel Touriño. Con estas verbas puxo fin a un discurso que clama protección para a cabana do Santo, a que perpetúa a ancestral Rapa das Bestas e que o colectivo que abandeira esta Festa de Interese Turístico Internacional cre ameazada polo parque eólico autorizado entre os concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.

"Cremos imprescindible que as administracións protexan os montes que rodean Sabucedo, onde conviven patrimonios naturais, culturais e etnográficos", dixo Touriño, que engadiu que no Montouto habitan greas de eguas e cabalos que conforman a cabana de San Lourenzo, cerne básico da Rapa das Bestas. "Se nestes montes se autorizan actuacións indiscriminadas que acurten as áreas de pastoreo, que destrúan mananciais, zonas de cría, bebedoiros e camiños de paso estase a atentar contra a propia tradición", sinalou.

O aloitador fixo repaso polos efectos que o parque podería ter para a contorna, centrándose de xeito especial nas consecuencias negativas que esta instalación podería deparar para os cabalos que habitan estes montes. Peches perimetrais, pasos canadianos, sinalización específica, respecto aos mananciais e seguimento das greas son algunhas das medidas correctoras que se propoñen dende Sabucedo.

Aínda que o sol se fixo de rogar, o tempo respectou a celebración do MUSA de Sabucedo, unha cita que cada ano gaña seguidores. Na ruta celebrada a primeira hora da mañá participaron unhas 120 persoas, segundo os datos facilitados pola organización. Algunhas delas elixiron a versión curta pero outras moitas gozaron da longa, combinando a paisaxe a carón do río coa ascensión ao monte.

Ao mediodía a actividade comezou no Muíño do Mestre cos postos do Mercado de Outono, cun claro protagonismo dos produtos locais. Esta mostra brindou ao artesán de Sabucedo Rubén Caramés a oportunidade de facerlle entrega ao presidente de Rapa das Bestas, Henrique Bazal, dunhas cartucheiras de coiro para gardalas tesoiras coas que durante o traballo do curro se cortan as crinas das bestas.

Antes do xantar, ao que asistiron unhas 400 persoas, houbo aperitivo con sidra estradense e música a cargo de Airiños de Caldelas. Foi despois cando comezaron os distintos obradoiros,caso dos de pan e filloas, cogomelos, cestería ou de elaboración dos calacús.

A media tarde presentouse o documental Rapa, dirixido por Alejandro Enríquez e producido por Mondotropo. Tras el chegou a maquillaxe para axudar na caracterización dos participantes na procesión da Santa Compaña. A particular comitiva tiña previsto recitar un responso ao chegar ao cruceiro. A noite de magosto e Samaín continuaba en Sabucedo ao peche desta edición. Aínda quedaba por diante moita festa.