Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O castro de Donramiro e a nova rotonda

Sen descubrir restos arqueolóxicos significativos, as obras serviron para contextualizar mellor a contorna castrexa

O castro de Donramiro e a nova rotonda

A rotonda do Monserrat está situada moi cerca do castro de Donramiro, nun lugar que estivo baixo a súa influenza no pasado, especialmente durante o período da Cultura Castrexa e na etapa posterior do Imperio Romano. Durante a Idade Media e tempos modernos houbo unha mutación de influenzas como ben demostran os restos arqueolóxicos aparecidos.

Ata o de agora o material arqueolóxico coñecido, que se ten atopado no castro de Donramiro e na súa contorna ou área de influenza, marca diferencias cronolóxicas evidentes, directamente relacionadas coas estruturas castrexas e post-castrexas, que tanto se poden apreciar na cartografía e fotos aéreas como no propio terreo, observando as formas que subsistiron ao longo do tempo.

No seu conxunto podemos sinalar tres espazos ben diferenciados: a croa, os antecastros e o "agro do castro".

A croa

Tamén chamada aurela ou recinto superior, ocupa a parte superior do asentamento e está formada por unha plataforma artificial feita a base de reencher con "terra" un bancal ou terraplén subcircular, cunha superficie de 1,21 Ha. Orixinalmente é posible que na parte máis alta desta divisoria hidrográfica das subconcas dos ríos Portos e Cabirtas (noutra época río Berbia), transformada en castro, houbera un afloramento rochoso, que desapareceu tras o recheo para obter un espazo aplanado no que establecer as primeiras vivendas do poboado.

Na Aurela téñense atopado os restos arqueolóxicos máis antigos: anacos de pallabarro (barro sen cocer alisado por unha cara e con improntas de varas pola outra, que se empregou como revoco das vivendas construídas con varas entrelazadas usando a técnica da cestería), moita cerámica, escouras de ferro, muiños chairos ou barquiformes, etc.

Nesta parte do castro, a máis antiga, foi onde se istalaou o primeiro poboado que dispuxo dun amplo espazo externo con abundantes recursos naquela época: grandes recursos forestais, abundancia de auga (manantiais, ríos cercanos), unha rica e variada fauna, amplo espazo achairado para a practica da agricultura, canteiras cercanas de pedra apta construcións domésticas, etc.

O dominio dos horizontes, con amplas vistas cara os catro puntos cardinais, era outra das características máis importantes deste asentamento. Desde a Aurela podían verse arredor duns 14 ou 15 castros, tanto das cercanías como de lugares máis alonxados como é o caso dos castros silledenses de Pena Negra, O Marco, Cartimil e Cortegada.

Os antecastros

Os condicionamentos topográficos da contorna do castro determinan a súa forma e condicinan a súa expansión, moi doada cara o Leste ou Nacente e máis complexa nas outras direccións. E isto resultou determinante porque a expansión habitacional levouse cara o Leste ampliando, notablemente, a capacidade do asentamento por medio de dous antecastros, que se rodearon con sendos terrapléns de foma semi-anular respecto da Aurela. Polo lado Oeste ou Poñente limitouse á expansión do poboado por medio dun foxo, case colmatado na actualidade, pero que debeu ser moi profundo daquela a xulgar polos foxos que se escavaron recentemente no castro de Doade (ano 2018) e no Castriño de Bendoiro en 2007.

No antecastro I, o que semienvolve de forma inmediata a Aurela cara o Leste, é onde se teñen localizado os restos arqueolóxicos máis representativos tales como: anacos de cerámicas, muiños de man circulares e restos de cimentacións de vivendas.

No antecastro II, o máis externo, non temos constancia de que se teñan atopado restos arqueolóxicos significativos, pero, en todo caso, hai que ter en conta que estas informacións proceden de veciños que realizaron traballos agrícolas nesta zona e sempre miraron con preferencia cara a Aurela.

No seu conxunto os dous antecastros ocupan unha superficie de 3,35 Ha que sumadas á superficie da Aurela equivalen a 4,56 Ha, polo que este castro pode ser considerado como un dos máis grandes da zona e incluso da Comarca de Deza, na que se localizan un total de 107 castros. Outros castros de características bastantes similares, tanto pola topografía na que se enmarcan, como polas estruturas que amosan, son os da zona inmediata: Cotarelo (Goiás), Palmou e A Canda (Vilanova).

Agro do castro

O espazo ocupado polo "Agro do Castro" (nome que recibe na actualidade), está localizado ao Leste do asentamento castrexo, no alto da lomba aplanada que separa as dúas subconcas fluviais anteriormente sinaladas e chega ás 21 Ha. A lomba en cuestión non é máis que unha parte dun interfluvio que se extende desde o Monte Costado, na divisoria Deza-Arnego, ata Donsión, onde empeza o gran encaixamento do río Asneiro nun marcado cambio de pendente.

Este espazo caracterízase pola súa planitude, especialmente na dirección O-L, mentres que cara o Norte, vertente do Cabirtas (Berbia) e cara o Sur (vertente do Portos) as pendentes van en aumento a medida que nos acercamos ao curso destes pequenos arroios ou regatos. Por esta última razón, para ampliar a planitude da chaira e aumentar a superficie do espazo cultivado, fixéronse bancais de trazado lonxitudinal que contrastan cos bancais circulares ou subcirculares que delimitan os antecastros I-II.

A construción dos bancais dos antecastros tivo lugar durante a fase da Cultura Castrexa, pero os bancais do Agro do Castro, segundo acaba de poñer en evidencia o perfil que se visualiza despois da realización da escavación mecánica da rotonda, ao pé do Camiño do Cemiterio Vello de Lalín, corresponde a unha etapa moi posterior, posiblemente medieval ou incluso máis cercana aos nosos días.

En diversas partes do Agro do Castro (Bouzoa, cemiterio vello de Lalín, Alto de Vales, etc.) teñen aparecido diferentes tipos de materiais arqueolóxicos de épocas postcastrexas: Imperio Romano, época medieval e tempos modernos. Entre estes materiais cabe indicar: numerosos anacos de tégulas, un enterramento feito con tégulas dos séculos III-IV d.C. descuberto cando se fixo a rotonda do Alto de Vales (a comezos do ano 2002), anacos de cerámica sigillata, un pequeno disco tipo fusaiola feito a partires dunha tégula, restos de tellas de distintas épocas, etc. Todo este material estanos a indicar que neste agro se mantivo unha actividade agrícola, seguramente, ininterrumpida desde a época castrexa. Unha actividade agrícola milenaria.

A escavación mecánica

Os recentes traballos de vaciado de "terras" (solo) mediante maquinaria pesada, nos arredores do cruce da circunvalación (N-525) coa avenida do Monserrat, para construir unha glorieta ou rotonda, baixo control arqueolóxico imposto pola Consellería de Cultura, contribuiron, cando menos, a comprender e contextualizar nunha mellor medida todo ese espazo, que estivo, no pasado, baixo o dominio do poderoso castro de Donramiro.

A nova rotonda localízase, respecto do conxunto castrexo, cerca do antecastro II, dentro dun terraplén ou bancal que delimitou o Agro do Castro polo lado Norte. Con anterioridade a realización dos traballos previos a apertura da rotonda, o Agro do Castro ten sufrido afectacións moi fortes como foron a construcción da estrada do Monserrat a comezos da década de 1950, a rúa do Castro sobre un vello camiño e a desviación Oeste de Lalín, a comezos da década de 1980, para desviar a N-525 do seu paso polo medio da vila lalinense. Estas vías de comunicación resultaron moi destrutivas desde o punto de vista arqueolóxico porque supuxeron un vaciado total do solo, sen ningún tipo de control arqueolóxico: "Cando se abriu a circunvalación teñen aparecido moitos restos: tellas, cerámicas, muiños... e, moitas máis cousas que non se sabe o que eran".

O traballo de vaciado na rotonda puxo ao descuberto a estrutura interna do bancal norte do Agro do Castro e no que se poden apreciar tres niveis: sustrato base, solo orixinal e recheo.

O sustrato base ou subsolo está formado por saprolito (rocha meteorizada), nunha zona de contacto litolóxico de anfibolitas e paragneis. Desde o punto de vista arqueolóxico pode ser a base de estructuras ou restos enterrados por debaixo do solo (cimentacións de vivendas, bases de postes, enterramentos, etc.).

Solo orixinal e recheo

O solo orixinal corresponde no perfil da ladeira ao inicio da pendente da lomba ao solo que se formou orixinalmente aquí. Neste caso era un solo dunha profundidade normal, no que se poden atopar materiais precastrexos, castrexos ou de períodos históricos máis recentes, pero sempre anteriores á construción do socalco que bordea o Agro do Castro. Neste caso concreto, a disposición dos materiais indícanos que foi traballado e estivo cultivado como zona agrícola, circunstancia que seguramente se produciu durante o período de ocupación castrexa.

O recheo ou capa superior, cunha profundidade que aumenta cara a fronte do bancal, fíxose con terra removida e iso fosilizou o solo que quedou sepultado por debaixo. Neste recheo poden aparecer restos arqueolóxicos en desorde, procedentes da terra removida, pero unha vez feito o bancal, sobre o novo solo, tamén pode atoparse material arqueolóxico posterior. O disco de tégula perforado (GA360024A03) localizado no corte do camiño do Cemiterio, no 2003, procedía deste nivel.

En fin, as obras da rotonda do Monserrat, execuadas nun sitio moi alterado por rebaixes realizados no terreo anteriormente (para edificacións ou trazado de estradas) non puxeron ao descuberto restos arqueolóxicos significativos pero serviron, alomenos, para contextualizar mellor a contorna do castro de Donramiro.

Compartir el artículo

stats