Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máis petróglifos nas Abeleiras

Con eles o número de achádegos rupestres en Cerdedo ascende a 45

Dous dos gravados rupestres das Abeleiras.

Unha semana despois da descuberta nas Abeleiras (Cerdedo) dunha laxa gravada con 38 coviñas, os de Capitán Gosende volvemos polo lugar e, investidas unhas horas na inspección da zona, demos con outras dúas estacións petroglíficas. Daquela, o gravado rupestre atopado o domingo 9 de setembro pasa a denominarse "Abeleiras I" e os achádegos do domingo 16, "Abeleiras II e III".

O petróglifo das Abeleiras II localízase noutra laxa granítica (gran groso) sita a uns 120 metros, cara ao nordés, de Abeleiras I. O petróglifo das Abeleiras II (coordenadas: X: 549.205; Y: 4.707.980; alt. 472 m), descuberto por Solla, componse de 4 ou 5 coviñas. A concavidade meirande acada os 10 cm de diámetro e os 4 cm de profundidade. A concavidade máis pequena acada os 5 cm de diámetro e os 0'5 cm de fondura. Unha greta cruciforme divide a lousa en tres seccións. O grupo de coviñas ocupa a sección norte.

As concavidades talladas en Abeleiras II presentan unha feitura semellante ás rexistradas en Abeleiras I, é dicir, parecen ser obra do mesmo labrante.

O petróglifo das Abeleiras III (coordenadas: X: 549.042; Y: 4.707.745, aprox.), descuberto por Solla, localízase a uns 215 metros cara ao sudoeste de Abeleiras I. O gravado rupestre componse de 3 coviñas de dimensións máis pequenas ca as anteriores. As coviñas ocupan o recanto oeste dunha rocha vulnerada por extracción.As estacións petroglíficas das Abeleiras, entre as aldeas de Lourido (N) e Biduído (S), atopáronse en cadanseu outarelo, augas vertentes do río das Cervas, e a escasa distancia da estrada que comunica as aldeas de Biduído e Chamadoira.

Cos achados das Abeleiras, o número de gravados rupestres inventariados no antigo concello de Cerdedo ascende a 45. A parroquia de Cerdedo acada a cifra de 24. O colectivo Capitán Gosende suma para a bisbarra de Montes dous petróglifos máis e deixa a súa marca en 54.

Compartir el artículo

stats