A Banda de Lalín será a única representante este ano no Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará a fin de semana do 3 e 4 de novembro en Santiago de Compostela. A formación que dirixe Isabel María Rubio Molina competirá na sección primeira xunto á Sociedade Musical de Previdém, de Guimaraes (Portugal), e á Banda de Música Municipal de Valga.

Os dezaos serán os últimos en saíren ao escenario e farano ás 18:00 horas. Coma as súas dúas contrincantes, a Banda de Lalín interpretará a peza obrigada Suite Istoria, de Gerardo Israel Quintas Alonso, e, como temas libres, Bagaxes, de Carlos Rodríguez Torres, e Symphonic Requiem, de James Barnes. A agrupación lusa, que abrirá a sección ás 16:00 horas, tocará Rúa da Fonte, de Antón Alcalde, e Sidus, de Thomas Doss, mentres que, unha hora máis tarde, Valga fará o propio con Saúdo a Lugo, de Indalecio Fernández Groba, e Extreme Make-Over, de Johan de Meij.

A deliberación do xurado deste XII Certame Galego de Bandas de Música terá lugar ás 20:30 horas e, media hora despois, procederase á entrega dos premios e diplomas das seccións da xornada dominical. A interpretación do Himno Galego pechará a competición, que se desenvolverá na sala Ánxel Brage, do Auditorio de Galicia. No acto de clausura do certame darase a coñecer o resultado do XI Concurso Galego de Composición, que se delibera tamén nesa fin de semana.

Lalín buscará reeditar o éxito da Banda Xuvenil de Vilatuxe, que se coroou o ano pasado no IX Certame Galego de Bandas. Participara na sección terceira, gañando á Lira de Ribadavia e á Xuvenil da Escola de Música de Meaño.

Durante toda a fin de semana serán 16 as formacións participantes nas cinco seccións existentes. Na xornada do sábado pola tarde actuarán as agrupacións máis pequenas, sección terceira, e as xuvenís. O certame arrancará ás 16:30 horas coa intervención das bandas Unión Veciñal, Cultural e Deportiva de Candeán, O Landro de Viveiro, A Lira de Ribadavia, Antas de Ulla e Agrupación Musical de Goián. Ás 19:15 horas terá lugar a sección xuvenil, coa Banda de Música de Rubiós e a Agrupación Musical da Limia. O anuncio dos gañadores da xornada será contra as 21:00 horas.

A sección segunda abrirá as actuacións do domingo ás 10:30 e nela participarán a Banda de Música Popular de Moaña Airiños do Morrazo, a de Santa Cruz de Ribadulla, Agrupación Músico Cultural de Ribadumia e Sementeira de Narón. Xa pola tarde, logo do concurso das bandas da sección primeira -entre as que está a de Lalín-, producirase a actuación das formacións infantís, coa Banda de Música Municipal de Celanova ás 19:00 horas, seguida da Unión Musical de Meaño.