Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A batalla de Portela de Areas, no Monte Farelo, en 982

A guerra entre ambos non remataría ata a morte de Ramiro III, quedando Vermudo II como o único soberán sobre o reino de León

Vermudo II de León. // Wikipedia

Nos albores do inverno do ano 982 (século X) Ramiro III, rei de León, lanzou unha ofensiva contra Vermudo II, producíndose unha sanguenta batalla en Portela de Areas, unha especie de chaira do monte Farelo que pertence a Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla) e, que limita coa parroquia de San Xulián de Ventosa (Agolada); as crónicas da época sinalan dito lugar como preto de Monterroso (Lugo). O resultado de dita batalla foi incerto, Vermudo permaneceu en Galicia e Ramiro III volveu a León, centrándose en defender as súas terras dos ataques musulmáns.

Ante tal situación o reino de León quedou dividido en dúas grandes zonas de influencia: o territorio galaico-portugués que apoiaba a Vermudo II, mentres Castilla e o territorio leonés propiamente permanecían fieis a Ramiro III. Malia iso, a posición de Vermudo II conseguiu consolidarse, establecendo a súa corte en Galicia e empezando a colleitar un triunfo tras outro, mentres Ramiro se refuxiaba en León e era lentamente abandonado polos seus aliados. Finalmente, a capital leonesa foi tomada polos seguidores de Bermudo, Ramiro refuxiábase en Astorga, onde morrería o 26 de xuño de 985. Situándonos no século X, históricamente o reino de León foi un reino medieval independente, situado na rexión noroeste da península Ibérica. Foi fundado no ano 910 cando os príncipes cristiáns do reino de Asturias trasladaron a súa capital dende Oviedo á cidade de León. Tivo un papel protagonista na Reconquista e na formación dos sucesivos reinos cristiáns do occidente peninsular.

Ramiro III de León foi rei de León entre 966 e 985. Sucedeu ao seu pai Sancho I no trono aos cinco anos de idade. Á súa morte sucedeulle o seu primo Vermudo II con quen levaba en guerra pola coroa de León desde o ano 981. Como rei, ratificou o tratado de paz co califa Al-Hakam II e nomeou lugarteniente seu a San Rosendo, quen derrotou aos viquingos que desembarcaron en Galicia no 968. No 976 morreu Al-Hakam II deixando como herdeiro do califato a Hisham II de tan só once anos. Da man do novo califa, chegou Almanzor, nomeado visir aos poucos días da investidura de Hisham. Entre finais da década de 970 e principios da de 980, Almanzor lanzou a primeira aceifa polas terras do reino de León: Zamora, Roda, Atienza, Sepúlveda entre outras, que caeron en mans do caudillo musulmán.

A desafección dos nobres galegos e portugueses cara ao rei de León Ramiro III, xa manifestada en tempos de Sancho I, non minguou coa maioría de idade deste. Un carácter difícil e as continuas derrotas sufridas de mans dos musulmáns non fixeron máis que aumentar o desafecto. Finalmente, estes nobres, liderados polo conde don Gonzalo Menéndez rebeláronse contra Ramiro III e proclamaron novo rei a Vermudo Ordóñez no ano 981.

Vermudo, como veremos máis adiante, era fillo de Ordoño III de León e, xa que logo, primo de Ramiro III. Entre a primavera e o verán de 982, os partidarios de Vermudo fixéronse co control de Galicia e, o 15 de outubro dese ano era coroado en Santiago de Compostela. O reino de León quedou dividido en dous: o territorio leonés propiamente devandito e Castela mantivéronse fieis a Ramiro III, mentres que Galicia e Portugal puxéronse ao lado de Vermudo. As crónicas da época informan de que a finais do ano 982 e a principios de 983 o exército de Ramiro III se enfrontou ao de Vermudo en Portela de Areas, no monte Farelo, preto de Antas de Ulla, en terras galegas. A guerra entre ambos pretendentes non terminaría ata que a morte de Ramiro III en 985, quedando Vermudo II como único soberano sobre todo o reino de León. As orixes familiares do rei Vermudo II foron obxecto de diversas investigacións que chegaron a distintas conclusións, especialmente sobre a identidade da súa nai. Polos documentos da súa época e as crónicas históricas, é seguro que o pai de Vermudo posiblemente fora o rei Ordoño III, sendo así neto de Ramiro II. Historicamente, como sinalamos anteriormente, dendo o ano 966 reinaba en León Ramiro III, fillo de Sancho I e sobriño de Ordoño III. O rei de León era, xa que logo, primo irmán de Vermudo. Entre a primavera e o verán de 982, os partidarios de Vermudo xa se fixeran co control de Galicia. No ano 984 moitos condes se poñen ao seu lado, destacando o peculiar apoio do conde de Castela don García Fernández; os seus enfrentamentos remataron co falecemento do rei Ramiro III no ano 985. Trala súa proclamación como rei Vermudo II tivo que poñerse baixo a protección do califato de Córdoba, xa que os empuxes do condado de Castela e as rebelións internas no reino facían prácticamente imposible que puidese resolver tantos problemas el só. Nesta época a influenza de Córdoba sobre o reino de León é máxima. Moitos nobres acoden directamente a Córdoba en embaixadas, sen contar co rei de León, e renden vasalaxe a Almanzor. Incluso o propio Vermudo II ten que pedir a súa axuda, algo que Almanzor acepta e mesmo lle promete devolver a recentemente conquistada cidade de Zamora (984).

Como resultado e baixo o protectorado do califato logrou recuperar Zamora, pero os exércitos de Almanzor quedáronse no reino de León. No 987 Vermudo II trata de sacudirse o xugo cordobés e rompe a tregua. Almanzor respondeu violentamente, contando coa axuda dalgúns condes galegos.

Ese mesmo ano Almanzor destrúe Coimbra e arrasa León obrigando a Vermudo a refuxiarse primeiro en Zamora (que tamén foi tomada de novo por Almanzor) e logo en Lugo. As acometidas de Almanzor non cesaron: Astorga (996), Santiago de Compostela (997). Esta última aceifa obrigou a Vermudo a negociar unha nova paz. No ano 999 faleceu Vermudo II no mosterio de Villabuena, O Bierzo; sucedéndolle seu fillo Alfonso V.

Compartir el artículo

stats