-Canto tempo lle levou xestar este proxecto?

-Levoume case dous anos, desde que empecei a facer as cancións e desde a primeira reunión que mantivemos con Galaxia para facer un novo proxecto. Ocorréuseme esta idea do tema do medo porque eu sempre fun moi aficionado ás películas de terror pero de corte máis antigo, máis clásico. Entón pensei que estaría divertido facer algo así. Así que, botando contas, desde que empecei coas cancións pasaron case dous anos.

-Entre o terreo musical "para adultos" e o teatral para o público infantil, onde se sente máis cómodo?

-A min o que me pasa é que un terreo alimenta o outro. Cando estou co infantil preciso xa facer algo para adultos e viceversa. O público infantil dame moita espontaneidade. Nas actuacións con eles hai unha necesidade clara de desprender enerxía mais tamén de obtela. Gústanme ambos lugares por iso transito entre os dous. O único é que cando pasa moito tempo e estou nunha xira facendo concertos para "adultos", agradezo volver ao espectáculo para os nenos porque os dous me alimentan. Penso ademais, que os dous mundos se alimentan entre si. Cando fago as letras e historias para os cativos, fágoo dunha forma máis solta e incorporo unha proposta artística moi desinhibida. Coa Banda do Verán para este tipo de espectáculos metemos moito traballo, tomamos moi en serio a música destinada ao público infantil. Por iso intentamos que todo estea moi ben fiado, que teña unha argumentación sólida, que haxa tamén eses sons cos que os nenos poidan disfrutar moito. Tamén coidando moito o interese para os pais, que vexan que hai vida máis aló da radiofórmula.

-Entendo que ambos mundos, o de maiores e o dos cativos ,conseguen direccionar a súa senda artística.

-Si que é verdade que cando fago proxectos para adulta é outra búsqueda, outra experimentación. É como se en cada lugar atopase o meu espazo de liberdade que é un pouco o que eu busco a nivel artístico.

Ten feito concertos "para mollar pan", ten divagado en compañías de teatro ata acabar atopando a súa vocación como compositor de música. Agora sen decantarse por ningún transita entre ambos mundos. Leva sempre consigo a guitarra para facer circular a súa música dende Bos Aires, pasando por Portugal ata chegar a Italia. Como as formigas, o actor e músico, Xoan Curiel sementa polo verán -cargando de actuacións á súa banda-para despois recoller os froitos no inverno. Así é que de cara a nova estación preséntaselle unha axenda apretada. Para o vindeiro mes Curial presentará xunto a Banda do Verán o seu último traballo que se nutre do formato libro-disco. Chámase A Casa do Terror e, baixo o mesmo título, traerá esta tarde á Praza do Concello da Estrada a súa actuación destinada ao público máis novo.Programada para as 18.00 horas e enmarcada na programación do Outono no Principal 2018, A Casa do Terror mestura música e teatro, xoga co factor medo e evoca algún que outro filme clásico de terror, mais a finalidade última será a de roubarlle unha morea de risos aos asistentes.

-Con que se van atopar os nenos esta tarde na Casa do Terror ?

-A priori puidera parecer que é un espectáculo de medo, mais non. É moi divertido e sobre todo moi participativo, non só para os nenos e nenas, senón tamén para as familias. Nel facemos un percorrido polo imaxinario das películas de terror. Ademais das cancións, hai unha historia paralela que forma parte do libro-disco que recibe o mesmo nome e que se estreará no vindeiro mes, na boca do Sanmaín.

-Como devén a experiencia de xuntar música e teatro coa Banda do Verán?

-Este é xa o segundo traballo que temos, o de A Casa do Terror. O primeiro foi Estamos no verán que tamén editara galaxia cun libro. Xunto á banda levo xa catro anos percorrendo todas as localidades galegas. Eu sempre estiven con eles, aínda que as historias as fixen eu pero son eles quenes me acompaña. Fixemos un pequeno cambio de nome. Antes chamabámonos a Banda +2, pero todo o mundo nos coñecía como a Banda do Verán, así que xa nos quedamos con este apelativo. Eu xa levo con eles desde o ano 2006, xa temos construido tres proxectos didácticos que promovemos a través das escolas. Gústannos este tipo de actuacións porque teñen un formato máis familiar.

-Entón, que hai de teatro na súa música e de que maneira a súa música serve para facer teatro?

-É interesante a pregunta. Eu estudei teatro e despois fun desenvolvendo a miña carreira musical, mais creo que esta visión teatral fusinouse coa miña parte de compositor. Nos proxectos como A Casa de terror intento que todas as partes estén ben fiadas, que as cancións e a historia teñan unha coherencia. Entón si que ten unha carga importante de teatro. Como dicía antes, este espectáculo conta cun imaxinario moi especial que todos coñecemos sobre a temática do medo. Coa Banda do Verán decidimos incorporar no disco algunas das cancións facendo personaxes, algúns dos cales aparecen tamén no espectáculo. Por iso creo que o teatro está presente tanto no disco, na historia, como no espectáculo.

-Ao igual que leva a súa música a recorrer o mundo, espectáculos coma este conseguen trascender as fronteiras galegas?

-Puntualmente cando saio fago alguna cousa para nenos. O que pasa é que o proxecto Estamos no verán desenvolvímolo aquí en Galicia, aínda que o cheguei a presentar en Bos Aires e tamén en Portugal de xeito anecdótico. O disco editouse ademais en galego así que é para Galicia. Nós non sabemos o que deparará todo este movemento da música infantil no que estamos inmersos agora porque a nivel editorial supoño que se o queres lanzar a un espazo máis amplo require unhas capacidades de producción que nós agora mesmo non temos alcanzado.

-Volvendo á Casa do Terror , cal é o elemento máis característico que poida desvelar desta actuación?

- Quizais o xogo piscolóxico que emerxe ao inicio. Se entras no espectáculo parece que é de medo pero conforme evoluciona un xa se da conta de que non é así. Pódese dicir que o máis destacable é a parte da participación. Tamén a música porque cando a compuxen pensaba nos nenos e, ao mesmo tempo, nos pais. Hai certos guiños á música dos 70, algunha alusión aos Bee Gees, a Alaska. Tamén hai certos sons como o do piano de órgano que están moi presentes tanto no espectáculo como logo o estarán no disco. Hai tamén momentos que pretenden evocar a clásicos como a Familia Adams. O noso teclistacompuxo unha parte de cara o remate do espectáculo que é un pouco a modo Tim Burton. Entón está todo ese imaxinario que é moi partipativo e didáctico.

-Tras esta actuación, como se lle presenta a axenda de cara o inverno xunto coa súa banda?

- Estamos pendentes de facer as últimas catro actuacións para rematar a tempada do verán, que en verdade é a finais de setembro. Este foi un verán bastante tolo de datas e proxectos. Despois na semana do Sanmaín teremos varias actuación fixadas pola propia temática do espectáculo. Estaremos por Dodro, Teo, Malpica ou Rianxo. No inverno estaremos moi metidos con A Casa do Terror porque unha vez presentado o disco faremos a xira por toda Galicia.