O alumnado silledense ten hoxe unha nova cita a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os estudiantes de 5º e 6º dos tres colexios os de 1º e 2º da ESO asistirán á representación da obra O Valo,ás 11:00 horas, no auditorio da Feira Internacional de Galicia. É unha proposta escénica de Culturactiva e Pallasos en Rebeldía enmarcada na campaña de #WithRefugges lanzada o pasado ano por Nacións Unidas en favor dos refuxiados para pedir aos gobernos o cumprimento do seu deber en relación á situación que viven milleiros de persoas. Esta peza está dirixida por Iván Prado sobre o texto de Carlos Labraña, gañador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

O Valo fala do encontro de dous mundos, dúas realidades, dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos: O Soldadiño de Chumbo e Sahara, a rosa do deserto. Un encontro aos dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade. Encarnados por Fran Rei e Saleta Fernández, escenifican esta historia que ten por protagonista real unha fronteira: un valo.