Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arqueoloxía e arte rupe stre no Monte do Carrio

Parte destes restos son aínda moi mal coñecidos e están nun estado de semiabandono, con risco de ser destruidos ou ocultos pola vexetación

O Monte do Carrio é importante non só pola súa natureza e a súa paisaxe senón tamén pola presenza de restos arqueolóxicos de moita relevancia. Polo momento, os restos máis antigos coñecidos son as mámoas, é dicir, tumbas prehistóricas con forma de túmulo de terra, normalmente cunha cámara de pedra no seu interior. Estas mámoas distribúense por todo o monte, sendo excepcionalmente numerosas algunhas das necrópoles. Entre os restos máis recentes destacan os castros, as torres medievais e outras fortificacións de cronoloxía dubidosa. Boa parte destes restos son aínda moi mal coñecidos e permanecen nun estado de semiabandono, con risco de ser destruídos, ocultos pola vexetación e dificilmente comprensibles a primeira vista, con poucas excepcións.

Fronte aos variados e poderosos perigos que afectan ao patrimonio natural e arqueolóxico do Monte do Carrio, loitaron xa os nosos investigadores e divulgadores locais dende hai décadas. O historiador Armando Vázquez Crespo, natural da parroquia de Bermés, alertaba xa en 2002 sobre a presenza dun hipotético sitio arqueolóxico no lugar de Outeiro Grande, afectado pola construción do parque eólico. Este investigador citaba este posible xacemento en varios dos seus libros, aportando fotografías aéreas e outros indicios da existencia dun posible "castro". Tratándose non dun castro típico da Idade do Ferro, senón dunha estrutura probablemente anterior e descoñecida en Galicia naquel momento, as incertezas sobre o lugar fixeron que este nunca fose oficialmente catalogado, de maneira que a maquinaria do parque eólico arrasou unha boa parte do mesmo, instalando incluso un aeroxenerador no seu interior. Por outra banda, tamén Daniel González Alén, outro dos nosos grandes investigadores e divulgadores, ten publicado en prensa diversos artigos sobre o patrimonio do Monte do Carrio, e neles revelou, entre outros, os achados dos petróglifos inicialmente denominados de Pena Cantadoira e de varias mámoas, elementos a engadir ao rico patrimonio xa coñecido. Tamén o xeógrafo Antonio Presas García fixo artigos e divulgou a través de redes sociais moitos detalles de diversos elementos do patrimonio arqueolóxico do Carrio, entre eles do chamado Coto Grande (Asorei) ao que se achegou acompañado do investigador Elixio Vieites. A evidencia aportada por estes investigadores locais demostra sen dúbidas que o Monte do Carrio agocha aínda un patrimonio potencial moi grande, pero só parcialmente investigado e mal catalogado nos inventarios oficiais.

Neste contexto, e grazas as Comunidades de Montes de Bermés e Méixome, chegou o Proxecto Monte do Carrio que xa leva feitas tres campañas nos anos 2016, 2017 e 2018. Este proxecto foi dirixido por profesores da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, co apoio e permiso das Comunidades de Montes de Bermés e Méixome e coa axuda do colectivo de estudantes As Mouras. O proxecto foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio e grazas a el descubríronse novos petróglifos. Ademais fíxose limpeza na contorna das estacións rupestres, acompañadas de tarefas de conservación sobre a superficie dos petróglifos, co obxectivo último de poñer en valor os xacementos. Ao mesmo tempo organizáronse charlas explicativas e, en colaboración con Roteiros de Lalín, realizáronse dúas rutas nocturnas para visualizar as estacións de petróglifos con equipos de iluminación.

A día de hoxe, os restos arqueolóxicos seguramente máis adecuados para a visita son os petróglifos. Aínda así, os visitantes deben saber que estes gravados rupestres non se atopan con facilidade. Sen unha sinalización adecuada a busca case sempre é infructuosa. Incluso sinalizados, poden ser case invisibles se non se conta coa axuda dalguén que os coñeza. O mellor momento para visitalos é sempre ó amencer ou á posta do sol, cando a luz incida rasante sobre as pedras. Outra posibilidade é a visita nocturna empregando luces artificiais.

Pese a ser debuxos gravados na pedra, os petróglifos son moi delicados. Non se deben tocar as rochas máis do necesario, non se deben pisar os motivos e, por suposto, non se deben rañar, pintar nin marcar nunca con ningún tipo de material. Ademais do propio ser humano, o principal risco para a conservación destes gravados é o lume forestal, que pode destruílos por completo.

Os petróglifos son debuxos realizados polos habitantes do lugar en torno á época denominada Idade do Bronce, é dicir, aproximadamente 2000 ou 3000 anos antes de Cristo. Nesa época as comunidades eran aínda nómadas, non sedentarias: vivían en cabanas de madeira ou materiais vexetais, cambiando o seu asentamento de cando en cando. Con toda seguridade o Monte do Carrio era un lugar especialmente apto para a vida naquel momento. Tódolos petróglifos desta zona son xeométricos, representando motivos de círculos concéntricos e similares. Non teñen aparecido de momento no Carrio nin representacións de animais, nin seres humanos, nin armas, nin outros motivos recoñecibles. Non sabemos exactamente cal foi a razón pola que os gravaron, nin cal é o seu significado. É posible que teñan que ver coa caza, co gando, coas fontes de auga, cos camiños, coas estrelas ou con calquera outra razón ideolóxica, simbólica ou relixiosa, pero a incerteza persiste. Aparte de Galicia e do norte de Portugal, hai petróglifos nalgunhas outras zonas de Europa, aínda que non demasiadas: por exemplo nos Alpes e na península escandinava. Porén, debuxos circulares xeométricos coma os galegos soamente os atopamos nalgunhas partes das illas británicas.

O primeiro petróglifo coñecido no Monte do Carrio apareceu no entorno da chamada Fonte da Anella, descuberto por Cristóbal Fernández nos anos 90 do século XX. Continúan aparecendo novos exemplos, grazas ó esforzo de moitos afeccionados, pero no Deza e en xeral no interior de Galicia son relativamente escasos se os comparamos coa abundancia presente nas Rías Baixas ou concellos como Campolameiro e Cotobade. A súa escaseza dálles aínda máis valor, se cabe.

O percorrido do Roteiro Arqueolóxico proposto permite ver tódolos petróglifos descubertos nas parroquias de Bermés e Méixome. O roteiro pode comezar na zona do Outeiro Grande (1), un bo lugar para deixar os vehículos. Preto dos muíños eólicos podemos admirar unha necrópole de mámoas en moi bo estado de conservación (2) e posibles restos de hábitat, bastante ocultos. O comezo e o final do roteiro están marcados por dous grandes rochedos naturais, nos que non teñen aparecido petróglifos pero que son importantes igualmente polo seu valor xeolóxico, cultural e paisaxístico. Sen dúbida, os habitantes da prehistoria tamén empregaron esas rochas como abrigo e miradoiro. O primeiro destes rochedos recibe o nome de Pena Cabalada (3). Preto del hai unha primeira rocha cun único gravado circular pequeno (4). Este exemplo e o seguinte están moi próximos ó manancial da Fonte da Anella. O petróglifo principal deste grupo (5) é un motivo circular dobre, moi espectacular e pouco frecuente, acompañado doutros máis pequenos. Seguindo pola pista cara ó poñente hai un gravado sobre unha rocha mesmo no medio do camiño, pero moi desgastado e case imposible de ver sen luz artificial (6). Seguindo na mesma dirección, a un kilómetro e pico de distancia, chegamos ó Coto das Casiñas, onde aparece un impresionante conxunto de círculos, puntos e liñas, o máis complexo de todo o grupo (7). Non lonxe deste, máis ó oeste e xa baixando, outro motivo único e sinxelo (8). Máis abaixo, pasando a chaira denominada Campo da Guerra, aparece unha grande laxe horizontal á dereita do camiño, con varios motivos (9): algúns deles son moi peculiares, por estar formados por liñas paralelas e non por círculos, pero non son sinxelos de atopar. Preto desta rocha podemos ver, cara ó nacente, outro penedo natural espectacular, que marca un posible final do camiño: a Pena Cantadoira (10). Os que aínda teñan vontade de camiñar poden dirixirse ó lugar do Castro, en Méixome, onde hai un excelente exemplo de recinto castrexo da Idade do Ferro (11): aínda sen escavar, as enormes murallas son perfectamente visibles. O retorno pode facerse polo mesmo camiño ou pode baixarse ó val e atravesar os lugares da Lamela, O Regado, Orxás e Riádigos, ata retornar ó Outeiro Grande.

Ademais do Roteiro Arqueolóxico, a "Ruta do monte do Carrio" impulsada por Roteiros de Lalín, permite disfrutar de múltiples atractivos durante o seu percorrido que parte do campo da festa de Bermés e chega ata o santuario do Corpiño. Trátase da ruta número sete dos dezaséis itinerarios deseñados por Roteiros de Lalín ata o momento e ten unha distancia de vinte quilómetros. Entre os elementos patrimoniais que se poden coñecer neste percorrido destacan tres igrexas (Bermés, Losón e Corpiño), o recinto circular do Outeiro Grande (hipotético asentamento aínda non catalogado), os castros de Méixome e Losón, diversas mámoas (entre elas a necrópole das Brañas de Abonxo), oito estacións de petróglifos (Fonte da Anella I-II-III, Coto das Casiñas I-II, Pena Cantadoira, Brenzós de Arriba e a Pena das Cruces), e tres muíños (muíños de Campo, de Castro e da Lamela). Entre os elementos paisaxísticos e naturais da ruta destacan o Carballo de Bermés que é árbore senlleira de Galicia, a lagoa estacional das Brañas da Regueira, as vistas panorámicas dende a cima de Penarredonda (827 metros de altitude) e durante toda a corda do monte. Esta ruta ofrece tamén varios puntos de interese dende o punto de vista xeolóxico como a congostra de Riádigos, a falla de Orxás e Pena Cabalada entre outros. Todo elo configura un roteiro moi completo a nivel patrimonial e paisaxístico e que está sendo sinalizado polo Concello de Lalín en colaboración coas Comunidades de Montes e coa axuda dos voluntarios de Roteiros de Lalín e de asociacións como La Unión de Bermés e A Peniza. Entre os planes de futuro estaría integrar neste roteiro lineal, dous roteiros circulares, un con saída e chegada en Bermés e outro con saída e chegada en Méixome, que incluirían ademais outros elementos patrimoniais e paisaxísticos como as mámoas de Méixome ou os restos da torre de Busto.

En definitiva, o Monte do Carrio e a súa contorna teñen unha gran riqueza patrimonial e paisaxística que debemos divulgar e protexer para posteriormente poñer en valor e dinamizar. Estamos ante un lugar fascinante que seguramente aínda ten moito por descubrir e ante un monte realmente singular que emerxe da terra como unha gran illa na Galicia central.

Compartir el artículo

stats